[31-08-2013] Os nenos e nenas que participaron na Escola de Verán despedíronse dos seus compañeiros/as e das monitoras e monitores ata o vindeiro verán. Na última xornada houbo festa, merenda de lambonadas e ata festa de disfraces. Ademais, sorteáronse entre os rapaces e rapazas os obxectos que elaboraron nos obradoiros de manualidades. Esta edición que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto en Bertamiráns e no Milladoiro, de luns a venres, en horario de 7:30 h a 16:00 horas, ofreceu a preto de 400 nenos e nenas un xeito lúdico e educativo de pasar as vacacións.
En Bertamiráns, os nenos e nenas participaron nunha festa de disfraces na que tamén houbo obradoiros de maquillaxe, xogos e merenda de lambonadas. Durante a última quincena de agosto a temática das actividades foi 'Por o arco da vella volvemos ao presente'. Tendo en conta este tema, os rapaces e rapazas traballaron sobre a interculturalidade (coñeceron as diferencias e similitudes das culturas e razas que existen no mundo), a igualdade de sexos, o coidado do planeta, etc. Ademais, participaron nunha visita ao Museo do Pobo Galego e ao Parque de Santo Domingo de Bonaval, situados en Santiago de Compostela.
A Escola de Verán desenvolveuse en Bertamiráns e no Milladoiro de luns a venres, excepto festivos, en horario de 7:30 h a 16:00 horas. Os rapaces e rapazas asistiron por quincenas (1ª quincena de xullo, 2ª quincena de xullo, 1ª quincena de agosto e 2ª quincena de agosto), un mes (xullo ou agosto) ou os dous meses (xullo e agosto). En Bertamiráns participaron 170 nenos e nenas e no Milladoiro acudiron a este servizo uns 204 rapaces e rapazas.
Temática das actividades e obradoiros
As actividades que se desenvolveron xiraron ao redor dunha temática única, tanto para os nenos e nenas de Bertamiráns coma para os do Milladoiro, que foi 'O arco da vella' e que tivo como obxectivo invitar aos nenos e nenas a viaxar con imaxinación e creatividade.
O programa de Escola de Verán estivo dividido en catro grandes bloques que se corresponderon coas quincenas de xullo e agosto. Deste xeito, durante unha quincena abordouse o tema titulado 'Construción do arco da vella', mentres que noutra realizaron actividades en torno á temática 'Por o arco da vella imos ao mundo celta'. As outras dúas temáticas foron: 'Por o arco da vella imos ao futuro' e 'Por o arco da vella volvemos ao presente'. Polo tanto, os obradoiros e actividades xiraron en torno á temática central escollida.

Agosto chega ao seu fin e, con el, a Escola de Verán de Ames. No Milladoiro, os nenos/as de primaria participaron nunha merenda, que estivo chea de lambonadas e xeados. Ademais, fíxoselle entrega dos premios da 'xincana de labores domésticas' que realizaron estes días. Os nenos/as tiveron que realizar todo tipo de probas domésticas e os mellores tiveron premio. Por último, os rapaces e rapazas recibiron un pequeno álbum de fotos nas que se reflicte a súa estadía na Escola de Verán.
Os máis pequenos do Milladoiro, que estiveron na Escola Infantil, tiveron tamén unha gran festa con larpeiradas. Trala merenda participaron en diversos xogos con auga e repetiron aqueles xogos que máis lles gustaron durante a súa participación na Escola de Verán. Os nenos e nenas participaron nun sorteo no que se sortearon todos aqueles obxectos que realizaron durante estes dous meses.




