[31-05-2011] Este sábado pasado tivo lugar no pavillón polideportivo do Milladoiro o acto de clausura das escolas deportivas. Arredor de 350 nenos e nenas realizaron exhibicións de voleibol, tenis, baloncesto, fútbol sala, tenis de mesa, predeporte e patinaxe. O público que asistiu a este acto puido gozar coa actuación da Asociación de break dance "A Vella Escola" e a Escola Municipal de Break Dance de Ames. En total foron uns 800 cativos/as os que asistiron regularmente ás actividades deportivas dende o pasado mes de outubro. O acto de clausura pechouse coa entrega de trofeos e co sorteo de diversos agasallos. A empresa VV Xestión de Actividades SL é a encargada de impartir estas actividades deportivas ás que asisten máis de 1.700 persoas entre cativos e adultos.
A programación das escolas deportivas chegou ao seu fin. O pavillón polideportivo do Milladoiro acolleu o sábado pasado dende as 16:30 horas o acto de clausura das escolas deportivas municipais. Arredor de 350 nenos e nenas que participaron neste programa realizaron varias exhibicións. Deste xeito houbo exhibicións de voleibol, tenis, baloncesto, fútbol sala, tenis de mesa, predeporte e patinaxe. Os rapaces e rapazas do grupo de aeróbic infantil de Barouta tamén participaron neste acto de clausura. Dende as 18:30 h. ata 18:50 horas realizouse a entrega de agasallos. O acto rematou coa actuación da Asociación de break dance "A Vella Escola" e a Escola Municipal de Break Dance de Ames.
Nesta edición foron máis de 1.700 persoas as que acudiron todas as semanas as actividades das escolas deportivas. O servizo municipal das escolas deportivas atendeu a un total de 803 nenos e nenas. Pero este servizo non foi exclusivo só para a mocidade senón que os adultos tamén dispuxeron de varias actividades físicas que se impartiron tanto nas localidades de Bertamiráns e O Milladoiro, así como en diferentes lugares do rural. A estas actividades acudiron 968 usuarios/as. En total foron 1.771 persoas as que se beneficiaron deste servizo.
A oferta de actividades deportivas que ofrece o Concello de Ames caracterízase pola súa variedade e por estar pensadas para todos os grupos de idade. Así, os e as amantes do deporte puideron escoller entre trece actividades: aeróbic, ximnasia de mantemento, baloncesto, fútbol sala, natación, voleibol, actividade física para discapacitados, predeporte, tenis, pilates, tenis de mesa e patinaxe.
Nas escolas deportivas impartíronse deportes como poden ser o fútbol sala, o baloncesto, patinaxe, tenis, predeporte, tenis de mesa, voleibol e natación. Moitos cativos asistiron polas tarde aos pavillóns de Bertamiráns e do Milladoiro para practicar estes deportes. Un dos obxectivos deste servizo é iniciar aos nenos e nenas na práctica deportiva para que adquiran o hábito de realizar exercicio a miúdo. As actividades que máis rapaces atenderon foron a de patinaxe con 176 usuarios/as, tenis (173), baloncesto (129), predeporte (123), fútbol sala (85), natación (65), tenis de mesa (32) e voleibol (20).
Actividades para adultos
Por outra banda houbo unha serie de actividades físicas dedicadas ás persoas adultas que tamén tiveron unha gran demanda entre a cidadanía amiense. Deste xeito foron moitos os veciños que acudiron ás clases de aeróbic, pilates, spinning ou ximnasia de mantemento. A actividade máis demandada foi a de pilates con 347 usuarios/as. Este adestramento físico e metal serve para corrixir problemas no lombo ou aprender a adoptar as posturas correctas e estirar adecuadamente os músculos. Este método céntrase no desenvolvemento dos músculos internos para manter o equilibrio corporal e dar estabilidade e firmeza na columna vertebral polo que é moi usado como terapia en rehabilitación e para previr e curar a dor de lombo. Ademais houbo 166 persoas que asistiron as actividades de aeróbic, 154 que estiveron apuntadas en spinning e 301 que asistiron ás clases de ximnasia de mantemento.
É importante destacar que para facilitar a asistencia de todos os participantes houbo grupos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, pero ademais a actividade de pilates impartiuse na urbanización de Aldea Nova e a de ximnasia de mantemento nos lugares de Agrón, Aguapesada, Covas, Trasmonte, Tapia, Biduído, Aldea Nova e Ameixenda.




