Pestanas principais

Remata un curso para que coidadores non profesionais reciban formación especializada en atención a persoas dependentes

Mércores, 16 de novembro de 2011

[16-11-2011] Vintecinco persoas asistiron ao curso do programa que promove a Consellería de Traballo e Benestar “Xuntos nos coidados”, que se impartiu no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, os días 11 e 14 de novembro. Trátase dun curso para que coidadores non profesionais reciban formación especializada en atención a persoas con enfermidade mental ou demencia. Esta iniciativa que se está a desenvolver por toda Galicia dende o pasado mes de xuño a novembro chegou a Ames co obxectivo de implementar accións formativas non formais e de apoio para familiares das persoas con dependencia. Á clausura do curso asistiu a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Sanidade, Mª Dolores Fernández, para interesarse pola situación dos asistentes. Tamén acompañou a Dolores Fernández a conselleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude, María González.

A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral da Dependencia e Autonomía Persoal, formará a preto de 900 coidadores non profesionais de persoas dependentes co fin de proporcionarlles coñecementos especializados na atención a persoas con enfermidade mental ou demencia. Esta actividade inscríbese no programa "Xuntos nos coidados" que ten posto en marcha o departamento autonómico para apoiar a este colectivo de coidadores.

Estas actuacións, que contan coa colaboración da Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias (FAGAL) e a Confederación Española de Agrupaciones de Familiares y Personas con Enfermedad Mental (FEAFES), estanse a desenvolver por toda Galicia; e serán de carácter voluntario e encadradas dentro do sistema para a promoción da autonomía e atención á dependencia. Así, os alumnos foron seleccionados e convocados directamente pola Dirección Xeral atendendo a criterios de proximidade á actividade formativa, ao tempo da permanencia nos coidados; e segundo o grao e nivel de dependencia recoñecido.

Os contidos a destacar son a promoción da autonomía persoal e a atención ás situacións de dependencia na súa dobre dimensión individual e social; a dimensión sociosanitaria da demencia e da enfermidade mental; técnicas para mellorar a comunicación coas persoas que teñen deterioro cognitvo ou con enfermidade mental; manexo e afrontamento de condutas difíciles; o coidado do coidador e outros aspectos éticos a ter en conta como a preservación da autonomía persoal.

Antes de clausurar o curso os e as asistentes ao mesmo fixeron unha valoración moi positiva da actividade e dixeron ter aprendido cousas importantes e de vital axuda para o día a día con persoas dependentes.