Pestanas principais

Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas

Sábado, 06 de abril de 2019

Esta semana realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, na que participaron o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente, membros do goberno municipal, e o persoal da Brigada de plantación forestal e da Brigada Aprol Rural. En dita reunión deuse conta do traballo feito durante os últimos meses tanto na terceira fase do Plan municipal de prevención e incendios forestais, como na revisión e na actualización das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames.

O Concello de Ames desenvolveu dende o pasado mes de novembro a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuouse nos ámbito 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Son plans bianuais de actuación, polo que durante esta terceira fase volveuse actuar nos ámbitos 4A (Aldea Nova) e 4B (zona dos Batáns), na que xa se traballou durante a segunda fase (no inverno de 2017-2018).

Nesta terceira fase, un total de 57 persoas adheríronse ao Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais, mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Deste total, executáronse 33 adhesións (7 en ventosa e 26 en Pena Amarela e nos Batáns). Actuouse nunha superficie de 4,3 hectáreas de terreo forestal, onde se plantaron 602 árbores: 286 castiñeiros (47,5% do total de árbores plantados), 130 bidueiros (21,6%), 82 carballos (13,6%), así como noceiras, cerdeiras, abeleiras, bidueiros, freixos, ameneiros e pradairos. Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo, elixindo para o deseño de plantación, as plantas que mellor se adecúan as características do mesmo.

Este traballo realízase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e o persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente marcoulle diariamente as directrices do traballo a brigada de plantación, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asumiu o custe da contratación deste persoal da brigada. En total, o Concello destinou arredor de 58.000 euros de fondos propios á terceira fase deste plan.

O persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e mailos integrantes da brigada de plantación forestal destacan a problemática que supón en moitos casos atopar as fincas e aos propietarios/as de algunhas parcelas de monte. O persoal desta brigada ten que realizar unha importante labor de investigación para atopar aos propietarios/as de determinadas fincas e incluso que os propietarios/as atopen as súas parcelas de monte. Nesta fase o persoal desta brigada púxose en contacto con 303 persoas, das que 124 visitaron as súas fincas. Tamén destacan a importante labor de cohesión social e contacto veciñal que supón a adhesión a dito plan, e que permite ao mesmo tempo, a permuta e a compra-venta de parcelas de monte entre a veciñanza. Isto último permite ordenar o monte amesáns a pequena escala.  Revisión e actualización das redes secundarias de faixas
O Concello de Ames contou dende o pasado mes de xullo coa brigada Aprol Rural, subvencionada a través do programa de fomento do emprego no medio rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

O persoal desta brigada actualizou as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa do Concello, é dicir, adaptou aos últimos cambios producidos na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e á definición dos espazos de biomasa vexetal arredor de núcleos habitados, vivendas illadas. Ademais, realizaron unha revisión e catalogación das masas vexetais localizadas dentro das faixas da interfaz urbano-forestal e das zonas de influencia forestal; e crearon un documento de apoio para o Plan de medidas preventivas mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión.

Tamén crearon un mapa xeoreferenciado para as parcelas, vías e camiños municipais, e un documento SIX como ferramenta preventiva e operativa. Así, elaboraron un documento cartográfico que serve como guía para a demarcación das zonas de actuación prioritarias e urxentes, en base a indicadores de risco; como documento de xestión e consulta para persoal do concello e titulares do monte.  Agrupación dos ámbitos do Milladoiro e Bertamiráns
O Concello definiu en 2007, no Plan municipal para a Protección do Espazo Rural e dos Asentamentos de Poboación, que xa se actualizou en 2016, un total de 59 ámbitos de protección a núcleos urbanos e 54 de protección a vivendas illadas e outras instalacións. A lei de prevención de incendio de Galicia foi sufrindo modificacións a longo deste anos, en concreto nun principio as faixas de xestión de biomasa definíase arredor de núcleos poboacionais, mentres que na actualidade abarcan solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Así mesmo no ano 2016 (data da ultima revisión das faixas do concello) os criterios de xestión de biomasa nas faixas fixaba unha distancia de 30 metros dende o limite urbano libre de pinos, eucaliptos e acacias, mentres que na actualidade esa distancia é de 50 metros.

A inclusión dos novos terreos, a redifinición das distancias e a valoración do estado actual da vexetación foron as tarefas a realizar por esta brigada. A efectos de mellor definición de ámbitos agrupouse en un so ámbito O Milladoiro, o que anteriormente estaba separado en dous ámbitos, o mesmo aconteceu coa agrupación do ámbito de Bertamiráns, que anteriormente estaba dividido en Bertamiráns, As Cortes, Cantalarrana e o Pedregal.

Para a valoración do índice de perigosidade das parcelas tívose en conta a orientación, o rango da pendente e as características da vexetación presente na parcela. Despois do traballo feito, o número de parcelas a xestionar incrementouse respecto a última revisión feita en 2016. Deste xeito pasouse de 12.382 parcelas a 18.970 parcelas, que representa o 35% da superficie forestal de Ames. Este incremento supuxo pasar de 496 hectáreas a 1.312 hectáreas debido ao cambio de normativa. Experimentouse un incremento dun 5% a un 14% das hectáreas de xestión con respecto a 2016. Cómpre destacar a existencia de 229 parcelas de propiedade municipal incluídas en faixa (21,5 hectáreas).

Por outra banda, a distribución da superficie segundo o índice territorial de risco reflicte que o 17% do terreo forestal está dentro do nivel de perigosidade alta (16% - 3.399 parcelas) e moi alta (1% - 220 parcelas). O 83% do terreo restante está dentro dunha escala de perigosidade baixa (61% - 10.382 parcelas) e moderada (22% - 4.940 parcelas). Aínda que a perigosidade máis elevada ascende a un 17%, nos vindeiros anos as parcelas no intervalo de perigosidade moderada (22%) poderían aumentar de risco, razón pola cal se require de revisións periódicas, facendo de este, un documento vivo.

Ligazóns

Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas

Multimedia

  • Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas
  • Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas
  • Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas