Pestanas principais

Remata a temporada estival en Ames co peche das piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro

Sábado, 15 de setembro de 2012

[15-09-2012] Dende o día 16 de xuño ata o 16 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofrecéronlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega. Este domingo remata oficialmente o período estival en Ames, xa que as piscinas descubertas municipais deixarán de abrir ao público. Dende a Concellaría de Deportes calculan que arredor de 6.500 persoas empregaron as piscinas municipais descubertas durante estes tres meses. Ademais, un total de 1.257 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival.

Con sol e calor, así despedirán o verán este domingo, 16 de setembro, os veciños e veciñas de Ames. As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, situada nas marxes do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi visitados por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Estas instalacións son unha gran alternativa aos areais da costa galega.

A pesar de que este verán no foi moi caloroso e tivemos días de moitas nubes, as piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron unha gran afluencia de xente. O mesmo ocorreu na área recreativa de Tapia onde os veciños e xente da contorna acudiu para refrescarse e liberarse da calor na praia fluvial desta localidade amiense. Dende a Concellaría de Deportes calculan que arredor de 6.500 persoas empregaron as piscinas municipais descubertas durante estes tres meses, das cales 4.000 eran persoas maiores de 18 anos, mentres que 2.500 eran rapaces e mozos/as de entre 10 e 18 anos. Ademais, un total de 1.257 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival (378 carnés realizáronse en Bertamiráns e 879 no Milladoiro).

O concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, destacou que “este ano as piscinas municipais descubertas tiveron unha gran afluencia de xente, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, tal e como demostran os datos. Ademais, moitos veciños e veciñas fixeron o carné de socio/a para poder empregar estas instalacións durante toda a época estival. Foron preto de 1.300 as persoas que optaron por sacar o carné de socio para poder acudir as piscinas municipais descubertas. Tamén cómpre destacar a gran afluencia de xente que acudiu este verán á praia fluvial de Tapia”.

Para poder garantir a seguridade dos e das asistentes durante a época estival, o Concello dotou estas instalacións de diferente persoal. Para iso, a empresa VV Xestión de Actividades SL encargouse de achegar oito socorristas para velar pola seguridade dos bañistas nas piscinas descubertas e na área recreativa de Tapia. A distribución do persoal fíxose cunha dotación fixa por cada un dos tres lugares de baño: catro socorristas na praia fluvial de Tapia, dous na piscina do Milladoiro e outros dous na piscina descuberta de Bertamiráns.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderon as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estas persoas foron as encargadas de limpar as piscinas descubertas, controlar a entrada a estas instalacións e de manter a orde dentro dos recintos.

Actividades lúdicas e deportivas 

As Bibliopiscinas foron as encargadas de amenizar as tardes nas piscinas descubertas municipais e na área recreativa de Tapia con servizos de lectura de prensa e préstamo de libros, mentres os máis pequenos gozaban dun refrescante baño, do sol ou das propias actividades das Bibliopiscinas como contacontos, obradoiros, xogos e xoguetes. Con tobogáns, balancíns e apertura ao público durante toda a fin de semana, a Bibliopiscina de Tapia foi a máis concorrida, en parte debido a que tamén abriu as fins de semana.

Ademais, a praia fluvial de Tapia acolleu clases de piragüismo nas que participaron arredor de 20 rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos. Esta actividade estivo impartida polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e a Concellaría de Deportes. Ademais, contou coa colaboración da Deputación da Coruña. Por outra banda, a praia fluvial de Tapia acolleu a XXVII edición do descenso do Tambre na que este ano participaron uns 450 padexeiros de 16 clubs de toda Galicia. Un total de 62 padexeiros participaron no descenso dende Portomouro ata a praia fluvial de Tapia, mentres que 388 nenos e nenas participaron no circuíto que se instalou na praia fluvial de Tapia.

Cómpre destacar que o club amiense Ribeiras do Tambre logrou dous primeiros postos e dous terceiros no descenso do Tambre. Alberto Viaño conseguiu unha meritoria terceira posición na categoría K-1 sénior. Na categoría K-1 cadete feminina, Irene Mirás quedou na primeira posición, e Andrea Tome acadou a terceira posición. Elisa Ricoy logrou a primeira posición na categoría xuvenil feminina K-1.