[15-09-2011] Dende o día 11 de xuño ata o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofrecéronlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega. Este xoves remata oficialmente o período estival en Ames xa que as piscinas descubertas municipais deixarán de abrir ao público. Arredor de 3.500 persoas aboadas ás piscinas e unha gran número de veciños/as que acudiron á área recreativa de Tapia puideron refrescarse e participar nas actividades que se organizaron durante todo o verán nas áreas de baño municipais.


Actividades lúdicas e deportivas
As Bibliopiscinas foron as encargadas de amenizar as tardes nas piscinas descubertas municipais e na área recreativa de Tapia con servizos de lectura de prensa e préstamo de libros, mentres os máis pequenos gozaban dun refrescante baño, do sol ou das propias actividades das Bibliopiscinas como contacontos, obradoiros, xogos e xoguetes. Con tobogáns, balancíns e apertura ao público durante toda a fin de semana, a Bibliopiscina de Tapia foi a máis concorrida, en parte debido a que tamén abriu as fins de semana.
Ademais, a praia fluvial de Tapia acolleu clases de piragüismo e diversas probas deportivas como a décimo sexta edición da Travesía a nado que tivo lugar o 31 de xullo e na cal se impuxo Óscar Alonso Gato. Outra das probas que se organizou no río Tambre foi o Descenso do Tambre, disputado o pasado 14 de agosto. Preto de 250 padexeiros de 13 clubs de toda Galicia participaron este ano na XXVI edición do descenso do Tambre. Cómpre destacar que o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre de Ames conseguiu o segundo posto na clasificación xeral por equipos no circuíto da praia fluvial de Tapia.

Con sol e calor, así despediron o verán os veciños e veciñas de Ames. As piscinas descubertas de Bertamiráns e O Milladoiro e a área recreativa de Tapia, situada nas marxes do río Tambre, convértense durante os meses de verán en lugares moi visitados por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia. Estas instalacións foron unha alternativa aos areais da costa galega.
Resulta difícil cuantificar as persoas que pasaron polas piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e pola área recreativa de Tapia. Pero, datos como as 3.500 persoas aboadas ás piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns ou a gran asistencia ás Bibliopiscinas (10.000 persoas que empregaron o servizo este ano) indican unha abundante afluencia ás instalacións municipais para refrescarse e liberarse da intensa calor que fixo este verán.
Para poder garantir a seguridade dos e das asistentes durante a época estival, o Concello dotou estas instalacións de diferente persoal. Para iso, a empresa VV Xestión de Actividades SL encargouse de achegar oito socorristas para velar pola seguridade dos bañistas nas piscinas descubertas e na área recreativa de Tapia. A distribución do persoal fíxose cunha dotación fixa por cada un dos tres lugares de baño: catro socorristas na praia fluvial de Tapia, dous na piscina do Milladoiro e outros dous na piscina descuberta de Bertamiráns.
Por outra banda, o Concello fixo un proceso selectivo para contratar seis vixiantes de mantemento que atenderon, ao longo da temporada estival, as instalacións das piscinas municipais descubertas e da área recreativa de Tapia. Estas persoas limparon as piscinas descubertas, controlaron a entrada nas instalacións do Milladoiro e de Bertamiráns e mantiveron a orde dentro dos recintos. Deste xeito, houbo dous vixiantes de mantemento en cada área de baño.




