Pestanas principais

Remata a sexta edición do curso de esforzo de integración no que participaron 14 persoas inmigrantes que residen en Ames

Mércores, 20 de marzo de 2019

[20-03-2019] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Información á Muller, desenvolveu durante os meses de febreiro e marzo a sexta edición do servizo Ames Integra. Deste xeito, impartiuse un programa de formación e integración socio-laboral, que estivo dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amesán. Este martes, 19 de marzo, realizouse o acto de clausura no Pazo da Peregrina.


Programa de asesoramento técnico especializado
Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Política Social. Os usuarios/as deste programa benefícianse durante todo o ano dun programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes. A través deste programa trátase de regularizar a situación administrativa dos/as beneficiarios/as en función das súas expectativas laborais; renovación e modificación das autorizacións de residencia e traballo; homologación de títulos; etc.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, deulle as gracias ás persoas participantes no curso “por escoller Ames para vivir, por ensinarnos, darnos, compartir, enriquecernos coas distintas culturas, con nós o noso día a día, neste concello acolledor no que na súa maioría da poboación somos xente que fomos chegando doutros concellos, cidades, países... e que fai que sexa un dos concellos de Galicia onde máis nacionalidades convivimos, onde todas e todos somos persoas iguais”.

Por outra banda, a concelleira de servizos Sociais, Luísa Feijóo, destacou “remata unha nova edición do Ames Integra. Onde outros ven un problema, nos vemos oportunidade, riqueza, diversidade e integración... Grazas a todos/as os que o facedes posible ano tras ano”.

Durante os meses de febreiro e marzo o Concello de Ames desenvolveu a sexta edición do proxecto Ames Integra, que estivo dirixido á poboación estranxeira extracomunitaria. Este programa estivo organizado en colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Atención á Muller. O programa centrouse na impartición dunhas liñas estratéxicas para dar a coñecer o entorno xurídico e social, e mellorar a empregabilidade dos inmigrantes con menos recursos económicos e formativos, favorecendo así a súa inserción social e laboral.

A través deste proxecto, no que participaron persoas de diferentes nacionalidades, impartiuse un curso de esforzo de integración. Está formación impartiuse por parte dos técnicos municipais. Así, os participantes coñeceron a Constitución, o Estatuto de Autonomía, os valores da UE, os dereitos humanos, as liberdades públicas, a democracia, a tolerancia a igualdade entre homes e mulleres e a diversidade lingüística, de acordo co establecido na Orde do 10 de novembro de 2015, que regula a admisión do informe de esforzo de integración. No relacionado cos temas da saúde impartiuse un taller por parte de Médicos del mundo.

Unha vez finalizado o curso, este martes, 19 de marzo, realizouse o acto de clausura no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e os/as técnicos/as municipais Maite Arufe, Jorge Couñago e Leonardo Pena. Trala entrega de diplomas, houbo unha merenda con produtos típicos dos países de orixe dos/as participantes. Ademais, varios dos participantes realizaron unha actuación musical contando algúns poemas de Rosalía de Castro.

Contido relacionado


Vídeo do acto de clausura do curso de esforzo de integración (actuación musical 1)
Vídeo do acto de clausura do curso de esforzo de integración (actuación musical 2)