[19-06-2015] O 14 de xuño rematou a sétima edición do programa integrado para o emprego, posto en marcha de forma conxunta polos Concellos de Ames e Brión, para persoas menores de 30 anos desempregados/as que recibiron formación, práctica laboral, intermediación e orientación laboral. Dos 80 participantes que iniciaron o programa máis as 5 substitucións que realizaron as diferentes actividades no programa integrado, un total de 38 lograron a inserción laboral (3 meses ou más de contrato) dende que se puxo en marcha este programa no pasado mes de setembro de 2014, o que supón un 47.5%. En total, os participantes asinaron 59 contratos laborais.
No mes de setembro comezará a oitava edición do InserAmes-Brión. Os mozos e mozas menores de 30 anos e con baixa cualificación que estean interesados neste programa terán que acudir á oficina de emprego e apuntarse como demandantes desta iniciativa.
Dende o pasado mes de setembro de 2014 levouse a cabo o programa integrado para o emprego InserAmes-Brión. Trátase da sétima edición deste programa, que nos últimos tres anos realizaron de xeito conxunto os Concellos de Ames e Brión. A través desta iniciativa os menores de 30 anos desempregados/as participaron en 195 tipos de accións de formación.
Entre os meses de setembro e decembro impartiuse a primeira fase do programa. Así, os usuarios/as realizaron prácticas en distintas empresas do concello e da comarca de Compostela. Nesta primeira fase, impartíronse un total de 7 accións formativas no marco do programa integrado. Na primeira fase da formación formáronse nos cursos un total de 92 participantes. Ademais, asináronse 16 convenios de prácticas non laborais con empresas, realizando as mesmas 40 alumnos/as.
Tamén se asinou un convenio coa empresa Servizo Móbil, para a colaboración co programa integrado, para a realización de visitas didácticas, prácticas non laborais, intermediación laboral, etc. En concreto, realizouse unha visita didáctica dos alumnos de “Operacións auxiliares de almacén” a finais de novembro e durante dous meses 2 alumnos realizaron prácticas non laborais na planta da empresa en Negreira. Un deses alumnos asinou finalmente un contrato laboral por 6 meses, prorrogables.
Posteriormente, de xaneiro a maio desenvolveuse a segunda parte do programa na que se impartiron 8 cursos formativos (dos que 2 incluíron un módulo de prácticas non laborais en empresas), 4 obradoiros formativos e unha charla-coloquio. Neste segundo período participaron nos cursos un total de 103 alumnos. Polo tanto, no conxunto do programa integrado, recibiron formación 195 participantes.
Sinatura de convenios de prácticas non laborais
Cómpre destacar que a formación impartiuse no Centro de Formación e Emprego e no Centro de Servizos Múltiples, ambos situados en Ames, e na Aula Cemit de Brión. Ademais da parte teórica impartiuse unha parte práctica, para a cal foron fundamentais os convenios de prácticas non laborais asinados con diferentes empresas de Ames e da contorna de Compostela. Destes convenios de prácticas beneficiáronse un total de 62 participantes.
Ao mesmo tempo, ao longo do programa, leváronse a cabo titorías individuais de orientación laboral ou para o autoemprego, nas que se estableceu, de acordo con cada participante, o seu itinerario persoal de inserción, en función do seu perfil formativo e profesional. Deste xeito, realizáronse un total de 228 titorías individuais.
Por último, hai que salientar que se levaron a cabo accións directas de intermediación laboral, enviando un total de 51 currículos a 9 empresas diferentes. Froito destas accións alcanzáronse 11 contratos laborais. Hai que destacar a realizada co programa de formación dual , e pola cal conseguiron a inserción 3 participantes (ademais dos 34 computados anteriormente).




