Pestanas principais

Remata a primeira fase das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía

Sábado, 15 de febreiro de 2020

Dende a Concellaría de Educación do Concello de Ames informan que vén de rematar a primeira fase das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía, que consistiron na demolición e desmontaxe dos módulos do antigo comedor. De seguido, comezará a segunda fase de ditas obras na que se executarán os traballos de cimentación e construción da nova estrutura. As obras estanse executando no prazo estipulado no contrato.

O concelleiro de Educación, David Santomil, achegouse esta mañá ata o CEIP da Maía para ver de primeira man como avanzan os traballos de construción do novo comedor deste centro de ensino. Cómpre lembrar que este proxecto, que foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. por un importe de 389.575,76 euros, está sufragado con fondos propios do Concello de Ames.

Coa construción desta nova infraestrutura preténdese ampliar o número de prazas do servizo municipal de comedor escolar, xa que é unha demanda da comunidade educativa de Ames. Actualmente o número máximo de prazas de comedor no CEIP A Maía é de 330 usuarios/as, mentres o número de solicitudes incrementou de maneira considerable, cunha previsión de 375 a 400 prazas previstas para o presente curso escolar.

Esta capacidade pode ser asumida polo novo comedor, xa que o proxecto contempla un total de 460 prazas.  Ademais, coa posta en marcha deste novo comedor hai que ter en conta os custos asociados ao funcionamento deste novo espazo, que supón a creación de máis de 150 novas prazas para o presente curso escolar, das cales 130 corresponden ao comedor do CEIP A Maía.

Para un maior detalle na estimación e sustentabilidade do novo comedor do CEIP A Maía a Concellaría de Educación contratou un Plan Económico Financeiro (PEF) coa Universidade de Vigo neste ano 2019, de cara a realizar unha estimación de custos nos vindeiros 5 e 10 anos.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destaca que “as obras estanse executando no prazo estipulado no contrato. A empresa adxudicataria vén de rematar os traballos da primeira fase que consistiron na demolición e desmontaxe dos módulos do antigo comedor. De seguido, comezará a segunda fase de ditas obras na que se executarán os traballos de cimentación e construción da nova estrutura”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Finaliza la primera fase del nuevo comedor del CEIP A Maía"

El Correo Gallego: "Na Maía non queren deixar ningún alumno sen comedor"

Compostela 24 horas: "Remata a primeira fase das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía"

Imaxe das obras de construción do novo comedor do CEIP da Maía