[15-05-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, clausuraron as xornadas de formación de técnicos de fútbol base que se desenvolveron dende o pasado mes de abril nas instalacións de Aldea Nova. O rexedor municipal e o concelleiro de Deportes entregáronlle aos 51 participantes os diplomas que acreditan o correcto aproveitamento deste curso formativo. A última xornada do curso celebrouse este luns 15 de maio coa participación de Rosana Martínez, nutricionista municipal do Concello de Ames, que explicou diferentes nocións sobre a nutrición durante a competición. O punto e final do curso puxo Gonzalo Goyanes, árbitro da Federación de fútbol de Santiago de Compostela. Goyanes impartiu unha charla sobre as regras do xogo.
O goberno municipal aposta polo deporte como vía para desenvolver unha vida saudable sen malos hábitos e para formar ás persoas en valores tan importantes como poden ser a deportividade, o respecto e a tolerancia. Ademais, dende o Concello de Ames considérase que é fundamental fomentar o deporte de base e contar con profesionais formados para que desenvolvan a súa actividade do mellor xeito posible. Por iso, a Concellaría de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, en colaboración coa Deputación da Coruña, o Bertamiráns FC, o Milladoiro SD e a empresa VV Xestión de Actividades, organizaron unhas xornadas de formación dirixidas a monitores/as e adestradores/as de fútbol base e de fútbol afeccionado.
As xornadas foron clausuradas polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e polo concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, que foron os encargados de entregarlles os diplomas ás 51 persoas que participaron nestas xornadas. O rexedor municipal destacou o éxito acadado pola primeira edición deste curso e subliñou que "isto anímanos a seguir traballando neste eido, e a seguir programando accións que vos axuden a ampliar a vosa formación".
As xornadas desenvolvéronse todos os luns dos meses de abril e maio (dende o 9 de abril ata o 14 de maio) no edificio de usos múltiples de Aldea Nova (aula 6), en horario de 20:00 h a 22:30 horas.
O curso comezou o luns 9 de abril coa charla impartida por Manuel Aller “Levi” sobre os principios técnicos ofensivos e defensivos do fútbol. Posteriormente, entre o 23 e o 30 de abril abordáronse os principios tácticos ofensivos e defensivos do fútbol. Este tema foi impartido por Javier Martínez Touriño, adestrador do Bertamiráns FC.
O 7 de maio abordouse a preparación física. Para tratar este tema contouse coa presencia de Juan Manuel Vegas, preparador físico e xerente da empresa VV Xestión de Actividades, que explicou as principais cuestións para previr lesións. Tamén interveu Gonzalo Mella, adestrador das categorías inferiores do Bertamiráns FC, que falou da planificación que hai que seguir a longo prazo na preparación física.
Este luns, o 14 de maio, pechouse o curso. Esta última xornada comezou ás 20:00 horas coa entrega de diplomas que acreditan o correcto aproveitamento destas xornadas de formación. A continuación interveu Rosana Martínez, nutricionista municipal do Concello de Ames, para ofrecer unha charla sobre a nutrición durante a competición. O punto e final do curso puxo Gonzalo Goyanes, árbitro da Federación de fútbol de Santiago de Compostela. Goyanes impartiu unha charla sobre as regras do xogo.




