Pestanas principais

Remata a Primavera Lúdica tras unha semana na que nenas e nenos crearon planetas e realizaron distintos experimentos

Luns, 28 de marzo de 2016

[28-03-2016] Este luns desenvolveuse a última xornada de xogos e actividades do programa de conciliación Primavera Lúdica. Nesta edición participaron 92 rapazas e rapaces de distintas idades, repartidos entre o CEIP da Maía de Bertamiráns, a EEI do Milladoiro e a Casa da Cultura do Milladoiro. Grazas a este programa familias amesás, que durante as vacacións escolares de Semana Santa traballaron, puideron deixar aos seus fillos e fillas nun lugar onde divertirse á par que aprender sobre o universo. Nenos e nenas inventaron o seu propio planeta e aprenderon a facer distintos experimentos.


Candela, Andrés e Yerai son tres dos participantes desta Primavera Lúdica. Os tres falaron está mañá con Ames Radio para describir os planetas que inventaron ao longo destes días. Nuria, unha das monitoras do programa de conciliación, explicaba que a pesar de que "a actividade de creación dun planeta estaba programada tan só para dous días" finalmente "estendeuse moito máis". Candela presentou aos radiouvintes o planeta Favoritolandia, onde condensa todas as cousas que máis lle gustan á súa idade, incluídos os seus mellores amigos ou as súas comidas preferidas. Zootrópolis é o nome do planeta de Andrés, habitado por todo tipo de animais, e onde hai que ter coidado cos ratos "que rouban os queixos". Yerai relatou a historia dunha Terra na que hai que coidarse dos robots ladróns.

Os experimentos feitos polos nenos e nenas xogaban moitas veces con elementos cotiáns, que podemos atopar na cociña ou no cuarto de baño: xabrón líquido, vinagre, aceite, maicena ou mesmo auga. Dous científicos, o profesor Barómetro e a Profesora Microscópica, acompañaron aos rapaces e rapazas nestas xornadas de xogos e descubrimentos.

A Primavera Lúdica forma parte dunha serie de programas de conciliación que o Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, convoca ao longo do ano nos períodos de vacacións escolares para axudar ás familias amesás a compatibilizar vida laboral e familiar.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Remata nas urbes amesás o concilia Primavera Lúdica para cen rapaces"