[17-04-2017] O circo foi o tema no que se basearon as actividades da Primavera Lúdica este ano. Obradoiros, xogos e traballos manuais a través dos que os nenos e nenas aprenderon a fabricar bolas para facer malabares e trucos de maxia, ao tempo que coñeceron as distintas profesións do circo e traballaron valores, incidindo desta volta especialmente na relatividade do éxito e do fracaso. A primavera lúdica remata hoxe en Bertamiráns e no Milladoiro con festas dedicadas ao circo.
O conto “Este circo é un desastre” de Miguel Ángel Villar Pinto serviu como base e guía das actividades que a empresa Agora Aberta, encargada da Primavera Lúdica, deseñou para os rapaces e rapazas de Ames que participaron este ano no programa de conciliación da vida laboral e familiar Primavera Lúdica. Desta volta a intención pedagóxica pasaba pola reflexión sobre o éxito e o fracaso, de xeito que os nenos e as nenas entenderan e asimilaran que non ten porque saír todo ben á primeira e que as veces os que parecen grandes éxitos tamén agochan fracasos.
As actividades comezaron coa construción da carpa do circo, posto que o primeiro día, a presentadora Esnini visitou aos nenos e ás nenas e pediulles que lles axudaran a levantar esa gran lona, posto que o seu circo carecía dela. A partir de aí os nenos e as nenas fixeron un mural con ese motivo e foron colocando nel os distintos personaxes de circo. Nos días sucesivos a rapazada tivo a oportunidade de participar en obradoiros nos que aprenderon a facer bolas de malabares, practicar esta técnica e achegarse á maxia a través doutros obradoiros e de varias visitas que enriqueceron o programa.
“Trátase de que os nenos e as nenas podan traballar cuestións que nas ensinanzas regradas, pola escaseza de tempo e a urxencia dos programas formais, non se tratan. Nestes programas traballamos coas emocións, incidimos nas vantaxes do equipo, na amizade, no respecto, na tolerancia.”, manifesta Iván Rodríguez, monitor en Bertamiráns, mentres Alex e Mateo cóntan que o que máis lle gustou da Primavera Lúdica foi “facer as pelotas de malabares e practicar esta técnica, e Diego comenta que a el lle gusta "coñecer a rapaces e rapazas que viven preto pero que non van ao mesmo colexio que el”.
A Primavera Lúdica remata con festas circenses en Bertamiráns e no Milladoiro. 100 rapaces participaron este ano do programa. As actividades desenvolveronse en Bertamiráns e no Milladoiro, asistindo 50 nenos e nenas en cada unha das localidades. 54 rapaces e rapazas utilizaron o servizo de comedor e 15 o de almorzo que ofrece o programa.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Ames y Os Tilos pusieron el punto y final a sus actividades de conciliación"




