Pestanas principais

Remata a parte teórica do curso de monitor de tempo libre que organizou o Concello de Ames durante os meses de abril, maio e xuño

Martes, 01 de xullo de 2014

[01-07-2014] A finais do pasado mes de abril o Concello de Ames, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), puxo en marcha un curso de monitor de tempo libre. Durante os meses de abril, maio e xuño desenvolveuse a formación teórica no Centro de Formación de Aldea Nova. As persoas que están participando neste curso tiveron que completar un total de 200 horas lectivas. O pasado domingo, 29 de xuño, rematou a parte teórica para darlle paso á fase práctica. Parte do alumnado está realizando as prácticas na Escola de Verán e nos campamentos municipais de verán. O alumnado que está participando neste curso obterán a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Este domingo pasado, 29 de xuño, rematou a parte teórica do curso de monitor de tempo libre que estivo composta de 200 horas de formación lectiva. O curso de monitor de tempo libre é unha formación útil que abre moitas portas de cara á inserción laboral. Este título capacita para deseñar, programar e pór en práctica ou avaliar actividades para o tempo libre ou socioculturais, orientadas á infancia, á xuventude, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais.

O curso de monitor de tempo libre, que se desenvolveu no Centro de Formación de Aldea Nova, comezou cunha parte teórica de 200 horas lectivas. As sesións de clase tiveron unha duración de 10 horas diarias, en horario de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 21:00 horas, repartidas en días festivos, sábados e domingos. As clases teóricas impartíronse durante os últimos tres meses. No mes de abril impartíronse 20 horas, en maio impartíronse 100 horas; e no mes de xuño déronse 80 horas de formación teórica.

Os contidos teóricos deste curso abarcaron áreas como psicoloxía; dinámicas de grupo; socioloxía; metodoloxía educativa; base educativa a partires do xogo; xogos no tempo libre; expresión musical, dramática, plástica, deportiva; educación ambiental; roteiros e campismo; aspectos médicos na saúde e aspectos sociais na saúde: hábitos, sexualidade; lexislación; recursos socio-culturais; medios audiovisuais; orientación; lecer e discapacidade.

Fase de prácticas
Agora, o alumnado deberá realizar un período de prácticas de 150 horas lectivas baixo a tutela dun director ou responsable. Algúns dos alumnos/as decidiron facer as prácticas nos campamentos municipais de verán. Deste xeito, completarán a súa formación no campamento xuvenil Ribeira Sacra, que está dirixido ao alumnado que este ano cursou estudos de 1º, 2º, 3º e 4º da ESO, na Escola de Verán do Concello de Ames, así como en varios campamentos e campos de traballo que organiza a Xunta de Galicia.

Ao remate das prácticas, o alumnado deberá entregar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese de experiencia nas diferentes actividades, as valoracións particulares e xerais. Unha vez rematado o curso o alumnado acadará a titulación oficial de monitor de tempo libre, documento que será expedido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.