Pestanas principais

Remata o setembro lúdico no Concello de Ames coa participación de 141 rapaces

Martes, 09 de setembro de 2014

[09-09-2014] Este martes rematou en Ames o setembro lúdico que se desenvolveu durante os días 1,2,3,4,5,8 e 9, programa que facilita a conciliación da vida laboral e familiar nos días previos ao inicio do curso escolar, unha vez que a finais de agosto remata a Escola de Verán. O concelleiro de Educación Bernardo Moar visitou aos rapaces e as rapazas neste último día de curso. O programa de conciliación da vida laboral e familiar Setembro Lúdico está dirixido aos rapaces e rapazas de segundo ciclo de educación infantil e de educación primaria, empadroados en Ames. As actividades desenvolvéronse tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro.

Os 141 rapaces que este ano participaron tiveron a oportunidade de achegarse ás distintas disciplinas artísticas a través da proposta “Setembro Artístico”, que tiña a intención de ir facendo un percorrido a través da pintura, a escultura, a fotografía, o teatro, a arquitectura e a música, de xeito que os obradoiros, os xogos dirixidos e todas as actividades lúdicas e educativas que compoñen o programa, focalizáronse en torno a ese fin. Deste xeito, no campo da pintura, os nenos e as nenas traballaron recreando cadros e murais do artista catalán Joan Miró e realizaron xogos de pistas que percorrían o mundo da pintura.

Unha emulación do concurso televisivo “Tú si que vales” e varias obras de teatro, a meirande parte delas creadas polo propio alumnado, serviu para poñer o broche final ás actividades artísticas que desde o día 1 de setembro realizaron os rapaces e as rapazas matriculados no Setembro Lúdico. Ademais, neste último día as familias puideron contemplar os distintos traballos que ao longo das sete xornadas que durou o programa realizaron os seus fillos e fillas, a través dunha exposición que levaba por título “A Nosa Galería de Arte”.
A arte escultórica tivo o seu reflexo nas esculturas de pinzas que realizaron de xeito individual cada un dos participantes. A arquitectura traballouse a través das maquetas dos pavillóns polideportivos construídas polos maiores, tamén con pinzas de tender a roupa e outros materiais de refugallo. Realizouse tamén un obradoiro de fotografía e os nenos e as nenas tiveron a oportunidade de xogar coa súa propia imaxe recortando a súa foto á metade e debuxando a outra metade con ceras e pinturas de colores. Debuxáronse mans que logo se recortaron e se converteron en monicreques. Houbo teatro e música, interpretada nalgúns casos con guitarras, maracas e paus de chuvia que os propios nenos e nenas construíran, tamén con materiais de refugallo.   O concelleiro de Educación Bernardo Moar visitou aos rapaces e as rapazas do Setembro Lúdico e salientou a importancia que o programa ten para conciliación da vida laboral e familiar da veciñanza amiense, ao tempo que destacou “a súa contribución á cohesión cidadá favorecendo que rapaces e rapazas que van a distintos colexios durante o curso, se coñezan, convivan e establezan relacións que moitas veces se alongan fora do tempo e o espazo do programa”.