Pestanas principais

Remata o Setembro Lúdico cunha xincana e un obradoiro de maquillaxe e globoflexia

Martes, 11 de setembro de 2012

[11-09-2012] Este martes 11 de setembro rematan os programas lúdicos de verán. O Setembro Lúdico, que se desenvolveu durante os días 3, 4, 5, 6, 7, 10 e 11 de setembro, chega ao seu fin cunha xincana e un obradoiro de maquillaxe e globoflexia. Este ano, neste programa participaron un total de 201 rapaces e rapazas, dos cales 119 acudiron ao servizo que se prestou no Milladoiro, mentres que a Bertamiráns acudiron 83 participantes. Este programa de conciliación, estivo dirixido aos nenos e nenas de Ames escolarizados no segundo ciclo de educación infantil e en educación primaria. As actividades e obradoiros xiraron arredor dunha temática única que tivo por lema Viaxamos ao mundo mariño.


Os nenos e nenas de Ames dispuxeron durante estes primeiros días de setembro dunha ampla oferta de actividades para manterse ocupados antes do comezo do curso escolar a través do Setembro Lúdico. Tras o remate da Escola de Verán e antes do comezo do novo curso escolar, que terá lugar este mércores 12 de setembro, os 201 nenos e nenas inscritos neste programa participaron en obradoiros, xogos e outro tipo de actividades.

O Setembro Lúdico desenvolveuse tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. En Bertamiráns, onde participaron 82 rapaces e rapazas, as actividades desenvolvéronse nas instalacións do CEIP A Maía. No Milladoiro asistiron 119 nenos e nenas e os lugares escollidos para realizar os obradoiros e xogos deste programa foron o pavillón polideportivo, a Casa da Cultura e a Escola Infantil desta localidade. As actividades desenvolvéronse das 9:00 h. ás 14:30 horas da mañá. Aínda así, o programa estendeuse desde as 7:30 h. ata as 16:00 horas, para aqueles nenos e nenas que utilizaron o servizo de comedor.

Unha viaxe a través da historia

As actividades que se desenvolveron en Bertamiráns e no Milladoiro xiraron arredor dunha temática única que tivo como lema Viaxamos ao mundo mariño. Durante os meses de xullo e agosto, momento no que se desenvolveu a Escola de verán, os nenos e nenas realizaron diversas actividades e obradoiros que tiveron como temática: Unha viaxe a través da historia. En setembro, os rapaces e rapazas seguiron viaxando pero, esta vez, a través do mundo mariño.

Deste xeito, os usuarios/as do Setembro Lúdico participaron en diversos obradoiros de pintura nos que elaboraron varios animais mariños como quenllas, polbos, baleas, etc. Este debuxos empregáronos na confección dun mural que serviu para decorar as instalacións onde se desenvolveu o Setembro Lúdico. Ademais, os nenos e nenas elaboraron un pisa papeis con forma de centola, un broche con forma de cangrexo e recibiron a visita dun pirata que lle explicou as distintas partes que forman un barco, que previamente construíron eles mesmos. Tamén construíron un submarino xigante con material de refugallo.

Durante a última xornada do Setembro Lúdico os rapaces e rapazas participaron nunha xincana na que a través de varias pistas tiñan que atopar un tesouro. Ademais, tamén participaron nun obradoiro de maquillaxe e globoflexia, viron unha película e tiveron tempo para entreterse con diferentes xogos.