Pestanas principais

Remata o programa municipal no que participaron 25 menores da aldea amesá de Castiñeiro do Lobo

Xoves, 18 de xuño de 2015

[18-06-2015] A concelleira de Servizos sociais, Luísa Feijóo, e a concelleira de Atención veciñal, Isabel González, acudiron hoxe pola tarde aos actos de clausura do programa de inclusión social no que participaron varias familias de Castiñeiro do Lobo. Nesta iniciativa participaron arredor de 25 nenos e nenas de entre 4 e 13 anos de idade. Dende o pasado mes de xaneiro impartíronse sesións de carácter educativo e deportivo, de luns a venres, no local social de Augapesada e no campo de fútbol de Castiñeiro do Lobo.

Esta tarde tiveron lugar os actos de clausura deste programa. En primeiro lugar, xogouse un partido de fútbol sala entre pais/nais e fillos/as no campo de fútbol de Castiñeiro do Lobo, e a continuación, houbo unha pequena merenda de lambonadas para os nenos/as que participaron neste programa, que se realizou no local social de Augapesada. No acto de clausura estiveron a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, e a concelleira de Atención veciñal, Isabel González.

Este proxecto, promovido polo departamento municipal de Servizos Sociais, desenvolveuse co obxectivo de achegarlle distintas ferramentas ás familias e ofrecerlles unha alternativa educativa e lúdica aos nenos e nenas desta aldea amesá. Esta acción púxose en marcha novamente este curso, despois de que xa se desenvolvese durante o curso 2012-2013 cun gran éxito de participación.

As sesións deste programa desenvolvéronse en dúas partes. Por unha banda, os luns e venres houbo deporte, de 16:30 a 18:30 horas, no campo de fútbol de Castiñeiro de Lobo, e por outro lado, os martes e xoves, de 17:00 a 19:00, e os mércores, de 16:30 a 18:30 horas, impartíronse clases de apoio escolar e actividades extraescolares.

As sesións de apoio escolar foron impartidas por unha técnico educativa, que contou coa axuda de dúas voluntarias da Oficina de Voluntariado de Ames, mentres que as clases deportivas impartiunas un monitor deportivo.

Financiamento do proxecto
Cómpre lembrar que para poñer en marcha este proxecto o Concello de Ames contou coa axuda da Obra Social “La Caixa”. Deste xeito, esta iniciativa financiouse con fondos municipais e cunha achega de 5.000 euros da Obra Social “La Caixa”. Para iso o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa entidade bancaria co obxectivo de loitar contra a pobreza infantil e a exclusión social en Castiñeiro do Lobo.