Pestanas principais

Remata o programa Amessan cunha gran festa no Pazo da Peregrina

Venres, 28 de xuño de 2013

[28-06-2013] O Concello de Ames puxo en marcha este ano unha nova edición do programa Amessan. Nos últimos meses, máis de 300 persoas participaron nas actividades de xerontoximnasia (ximnasia terapéutica), na ludoteca cognitiva (estimulación das funcións cognitivas), no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, na actividade de manualidades “Creando fogares” e na actividade do coro. Para clausurar esta edición do programa Amessan organizouse unha festa nos exteriores do Pazo da Peregrina. O acto de clausura, que contou coa actuación dun dúo musical e dos participantes no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sacha”, celebrouse este xoves pola tarde. A esta festa asistiron o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Benestar Social, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

O Pazo da Peregrina, situado na localidade de Bertamiráns, acolleu este xoves, 27 de xuño, a festa de clausura das actividades incluídas no programa Amessan. O acto desenvolveuse entre as 17:00 h e as 19:00 horas. A festa estivo amenizada por un dúo musical. Ademais, os participantes no obradoiro de música e baile tradicional “Ao son da sachainterpretaron varios temas que aprenderon durante os últimos cinco meses. No acto, o alcalde de Ames animou aos asistentes a seguir participando a partir do vindeiro mes de outubro neste programa, que supón “un xeito de socializarse e manter o contacto entre os nosos maiores”. O rexedor felicitounos polos coñecementos adquiridos nos cursos e pola súa participación en actividades que lles permiten gozar activamente do seu tempo libre.

Novidades na programación de Amessan
Nesta edición do programa Amessan introducíronse varias novidades respecto aos anos anteriores. Deste xeito, impartiuse unha actividade orientada á formación dun coro musical e a actividade “Ao son da sacha, que incluíu baile e música tradicional.

Cómpre destacar que o programa Amessan desenvolveuse en 10 parroquias e lugares amienses. As actividades incluídas neste programa impartíronse nas Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte. As actividades desenvolvidas nesta edición foron o obradoiro de manualidades “Creando fogares, o taller de música e baile tradicional “Ao son da sacha, ximnasia terapéutica, ludoteca cognitiva (obradoiro de memoria) e a actividade de coro, para a formación dunha coral en Bertamiráns.