Pestanas principais

Remata o primeiro mes do programa municipal de conciliación “Escola de Verán”

Xoves, 04 de agosto de 2016

[04-08-2016] A semana pasada finalizou o primeiro mes da Escola de Verán. Unha vez que este programa chegou ao seu ecuador, dende a concellaría de Educación dáse conta dos datos de participación e das actividades realizadas ata este momento. Deste xeito, no Milladoiro, 106 nenos/as acudiron o mes de xullo completo e 50 participaron na primeira quincena ou na segunda. En Bertamiráns, 100 apuntáronse o mes completo e 47 foron na primeira ou na segunda quincena. Para estas dúas primeiras semanas de agosto hai apuntados un total de 130 nenos/as (59 no Milladoiro e 71 en Bertamiráns. “A cidade dos nenos e nenas” é o lema das actividades que se van a desenvolver ata mediados deste mes.

A primeira quincena do mes de xullo foi a máis solicitada polas familias que inscribiron aos seus fillos ou fillas na Escola de Verán. Este programa de conciliación ofrece inscribir aos nenos e nenas por quincenas nos meses de xullo ou agosto, solicitar a súa participación un mes completo ou empregar o servizo durante ambos meses. O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destaca “a boa resposta que tivo este ano o programa da Escola de Verán, xa que incrementáronse o número de inscricións respecto a edicións anteriores”.

O lema desta edición da Escola de Verán é Ames desde a mirada dos nenos e nenas. Cada unha das quincenas de xullo e agosto conta cunha serie de actividades distintas con esta mesma temática. Construímos o noso cole, As cidades son para xogar, A cidade dos nenos e as nenas e Expresamos as nosas necesidades: o noso pleno infantil, son os nomes das temáticas de cada quincena.

Na primeira quincena de xullo as nenas e os nenos que participaron na Escola de Verán crearon o seu propio colexio. Desta forma aprenderon a resolver e falar dos conflitos que se atoparon este curso nas aulas e idear formas de resolvelos. Crearon un plano do colexio, falaron daquilo que botan en falta na súa escola, do que se pode mellorar, do que é necesario nun centro escolar e de como facelo. Os distintos grupos de Bertamiráns e do Milladoiro montaron ademais unha maqueta do colexio que deseñaron.

Dentro da primeira quincena de xullo o alumnado tamén se mergullou no universo da arquitectura. Baixo outra actividade co nome, Somos arquitectos, as nenas e nenos aprenderon a imaxinar, deseñar, investigar..., pero tamén a construír, medir e resolver problemas. Exploraron as medidas de torres e rañaceos e intentaron construílos.

Segunda quincena de xullo
“As cidades son para xogar” foi o lema da Escola de Verán durante a segunda quincena do mes de xullo. Como na quincena anterior formáronse equipos de investigación no Milladoiro e en Bertamiráns, encargados de analizar os parques onde as nenas e nenos se divirten e xogan habitualmente. Falaron daquilo que cren que lles falta e de como se poderían mellorar e deseñaron o seu propio parque, construíndo unha maqueta. Todas as decisións en torno á construción e deseño tomáronas por consenso. Os equipos tiveron que debater para poñerse de acordo co obxectivo de aprender a escoitarse os uns aos outros. Ademais, a construción dun parque por parte dos rapaces e rapazas derivou en reflexións conxuntas sobre como están construídas as cidades.

“A cidade dos nenos e nenas” é o lema das actividades que se van a desenvolver ata mediados deste mes. Para esta primeira quincena de agosto hai apuntados un total de 130 nenos/as (59 no Milladoiro e 71 en Bertamiráns. Estas actividades e dinámicas complétanse con visitas á piscina, xogos con auga, xogos de distensión, speak anda play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar un verán diferente.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Un verano de juegos en Ames"
El Correo Gallego: "Casi trescientos jóvenes de Ames conciliaron ya a ritmo de Escola de Verán"