Pestanas principais

Remata o obradoiro municipal de teatro coa representación da obra “A Casona do Medo”

Domingo, 24 de maio de 2015

[24-05-2015] Este luns 25 de maio, ás 19:00 horas, remata o obradoiro municipal de teatro infantil de Ames coa representación na Casa da Cultura de Bertamiráns da peza teatral “A Casona do Medo”. Esta actividade, na que participan 13 rapaces e rapazas de entre 8 e 13 anos, forma parte da programación de obradoiros culturais que pon en marcha todos os anos a concellería de Cultura. Este obradoiro desenvolveuse en Bertamiráns todos os luns, en horario de 19:00 h a 20:30 horas. A entrada para asistir a esta obra de teatro é de balde.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este luns 25 de maio, ás 19:00 horas, a representación da obra de teatro A Casona do Medo, que representarán os 13 alumnos/as que participaron durante este curso no obradoiro municipal de teatro infantil. Esta actividade enmárcase dentro da programación de obradoiros culturais, que desenvolve a concellería de Cultura do Concello de Ames.

Esta obra de teatro, que ten unha duración aproximada de 50 minutos, conta a historia de dous grupos de amigos que se retan a pasar unha noite nunha casa embruxada. O que non saben é que alí habitan dúas rapazas que quedaron agochadas ata que rematase a guerra. Estas nenas intentarán asustar aos dous grupos de amigos para que abandonen a casa, pero haberá algún deste rapaces que non se deixará enganar. Unha vez descubertas estas nenas que habitaban a casa seguirán escoitando estraños ruídos. Será porque nesta casa habitan algúns espíritos?

O elenco de actores e actrices está formado por 13 rapaces e rapazas, mentres que a obra está dirixida polo profesor deste obradoiro, Iván Fariña, que incide en que “o curso foi moi ben e remata coa representación desta peza teatral. Os nenos e nenas que participaron neste obradoiro evolucionaron de forma positiva xa que algúns dos participantes tiñan algo de vergoña e problemas de expresión. Estes rapaces e rapazas, a través de xogos, foron perdendo o medo escénico ata converterse en pequenos actores e actrices”.