Pestanas principais

Remata o obradoiro “Dunha vez había…” cunha gran festa de contos no Pazo da Peregrina

Martes, 28 de marzo de 2017

[28-03-2017] Un gran número de familias participaron este luns, 27 de marzo, no Pazo da Peregrina na Festa dos Contos. Esta actividade enmarcouse dentro do obradoiro de contacontos para nais e pais denominado, “Dunha vez había...”, que se desenvolveu todos os luns de marzo da man de Fabaloba. Esta festa estivo dirixida ao público familiar e forma parte da programación con Apego, que recolle preto de 20 actividades que se seguirán desenvolvendo nos meses de abril e maio.

Ao longo deste mes de marzo desenvolveuse o obradoiro de contacontos para nais e pais, Dunha vez había..., que correu a cargo de Fabaloba. Tivo lugar no Pazo da Peregrina (Bertamiráns) todos os luns de marzo (os días 6, 13 e 20), en horario de 17:00h a 19:00 horas. Foron 6 horas repartidas en tres sesións. Para pechar esta actividade faltaba por desenvolver a cuarta e última xornada que consistiu nunha Festa de Contos. Dita festa tivo lugar tamén no Pazo da Peregrina, en horario de 17:00 a 19:00 horas. Nela os pais e nais participantes no obradoiro contaron diversos contos para poñer en práctica o aprendido anteriormente.

Dunha vez había... foi un obradoiro práctico de contacontos para aprender a transmitirlles mellor as historias, as emocións e a lingua ás crianzas. A través desta actividade os participantes coñeceron diversos libros e outros recursos para contar historias. Tamén traballaron o xesto e a voz, mediante libros e música, para tratar diversos temas de interese para as familias: chegada dun irmán/irmá, alimentación, emocións, deixar os cueiros, ir ao cole...

Programación con Apego para o mes de abril
O sábado 1 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns representarase o espectáculo A galiña azul, do programa FalaRedes da Xunta de Galicia, unha adaptación teatral feita por Ubu Teatro do conto de Carlos Casares, coa vontade de transmitir a importancia da defensa da lingua, das diferenzas e da liberdade de expresión, a través da narración oral, dos monicreques e do clown. A entrada para este espectáculo é gratuíta.

A programación continúa os días 3, 4, 17 e 18 nas bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais de Bugallido e Augapesada, con novas sesións de contos. A entrada a estas actividades é libre e de balde.

Foliada con Apego
O venres, 7 de abril, vai haber unha Foliado con Apego. Será ás 17:30 horas no Pazo da Peregrina. A través desta actividade trátase de organizar un encontro no que as familias amesás se coñezan, compartan, canten, bailen, aprendan cancións galegas, merenden e, sobre todo, o pasen ben. É a terceira foliada que se organiza dende aposta en marcha do programa Apego. Nas dúas edicións anteriores esta actividade tivo unha gran participación.

Hai máis espectáculos previstos para o 21 de abril coa compañía Redrum Producións que traerá a Ames o espectáculo A nena que quería navegar. Este espectáculo musical desenvolverase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 18:00 horas. Previamente, haberá unha sesión escolar ás 12:30 horas.

Obradoiro de nanas para acolar
Por último, o 29 de abril, ás 11:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, vaise organizar un obradoiro de nanas para acolar. Esta actividade será impartida por Ugía Pedreira, impulsora de aCentral Folque e integrante de grupos como Marful ou Nordestinas. Trátase dun obradoiro para aprender transmitir a lingua ás crianzas co poder emocional das nanas, arrolos ou cantos de berce. Está dirixida a familias con nenos/as de 0 a 3 anos que estean agardando un bebé.