[16-05-2016] Tras meses de traballo os alumnos e alumnas do IES do Milladoiro presentaron o traballo final do obradoiro de televisión no que participaron, no marco da rede europea de “Escolas sen Racismo” organizado por AGARESO e a Asemblea de Cooperación pola Paz. Os pases realizaranse no propio centro escolar, o venres 13 e mailo luns 16 de maio, para o alumnado dos cursos de 2º de ESO.
Comezaron o obradoiro presentándose a través dun blog, no cal colgaban á súa vez os seus primeiros pasos no audiovisual. Os 11 alumnos e alumnas participantes explicaban ante a cámara os motivos que os levaran a inscribirse neste curso. A medida que aprendían, e se soltaban no manexo detrás e diante do obxectivo, foron realizando entrevistas a pé de rúa, gravaron a exposición “Galegas coma ti” na Casa da Cultura do Milladoiro e acudiron ao Punto Limpo de Ames.
O tema do traballo final foise impoñendo e tomando protagonismo a medida que avanzaban as xornadas do obradoiro. Foi o que mellor acollida tivo entre os rapaces e rapazas, que se puxeron mans á obra elaborando un guión e revisando o material que precisarían para a produción e realización desta peza, que estes días presentaron por primeira vez. Entrevistaron aos amesáns e ás amesás, preguntándolles polos seus xestos no día a día para contribuír a coidar o seu medio.
O alumnado tivo ademais a oportunidade de debater cunha activista da ONG “Salvemos la selva”, que visitou o seu centro. Rematado xa o traballo, feitos os últimos retoques na edición, o resultado estaba xa listo para ser mostrado aos seus compañeiros e compañeiras. Na mañá do venres 13 tivo lugar o primeiro pase ás 11:40 horas no propio centro escolar. Este luns 16, no marco do I Feira das Letras Galegas que organiza o IES, os alumnos e alumnas de 2ºC, 2ºD e 2ºA puideron aprender un pouco máis sobre o coidado do medio a través do traballo destes rapaces e rapazas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Os rapaces do IES rematan o seu proxecto sobre o medio"