Pestanas principais

Remata o obradoiro de teatro de Bertamiráns coa representación da obra “O Reencontro con Pandora”

Luns, 26 de maio de 2014

[26-05-2014] Este luns 26 de maio, ás 19:00 horas, remata o obradoiro de teatro infantil de Bertamiráns coa representación da peza teatral “O Reencontro con Pandora”. Esta actividade, na que participan 15 rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos, forma parte da programación de obradoiros culturais que pon en marcha todos os anos a concellería de Cultura do Concello de Ames. Este obradoiro desenvolveuse en Bertamiráns todos os luns, en horario de 19:00 h a 20:30 horas. A entrada para asistir a esta obra de teatro é de balde.

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este luns 26 de maio, ás 19:00 horas, a representación da obra de teatro O Reencontro con Pandora, que representarán os 15 alumnos/as que participaron durante este curso no obradoiro de teatro infantil de Bertamiráns. Esta actividade enmárcase dentro da programación de obradoiros culturais, que desenvolve a concellería de Cultura do Concello de Ames.

A sinopse da obra de teatro di que moito tempo atrás existiu unha caixa que gardaba no seu interior un gran poder capaz de dominar o mundo enteiro. En 7 partes se dividiu a chave que consegue abrila, pero os seus dono acordaron non verse nunca máis para poder manter a salvo tan perigosa carga. Mil anos pasaron ata que alguén puido reunir de novo as 7 partes, pero non sabían con quen ían atoparse, porque despertaron dun sono milenario as protectoras de Pandora e uns nenos capaces de todo por salvar o mundo.

O elenco de actores e actrices está formado por 15 rapaces e rapazas. Iria representa á nai dos xemelgos e á profesora Herminia; Hugo fai de Xoán; Rosana interpreta o papel de Ana; Pablo fai do pai de Bruno e da estatua número 4; Adrián é Bruno; Lucía Collazo representa á nai de Claudia e á estatua 3; Lucía Touceda fai de Claudia; Antía interpreta o papel da nai das irmás e da estatua número 2; Maite fai de Sofía; Carla é Sara; Noemi representa á directora do orfanato e á estatua número 1; Martín fai o papel de profesor de educación física; Sara interpreta á profesora de física, Xoana é a directora do internado; e Tiago fai o papel de Sebastián.