Pestanas principais

Remata o obradoiro de lingua e cultura do Milladoiro no que participaron 15 persoas de sete nacionalidades diferentes

Luns, 12 de decembro de 2016

[12-12-2016] Este luns pola mañá rematou o obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento. Nesta actividade participaron 15 persoas de sete nacionalidades diferentes (Colombia, Venezuela, Brasil, Arxentina, Guatemala, Perú e da illa de Curaçao). A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foi a encargada de entregarlles os diplomas a todas aquelas persoas que completaron o 90% das horas impartidas. As clases deste obradoiro impartíronse na Casa da Cultura do Milladoiro entre o 2 de novembro e o 12 de decembro. Previamente, este mesmo obradoiro desenvolveuse en Bertamiráns onde participaron 17 persoas nativas de Venezuela, Colombia, México, León, Cataluña, León, Euskadi e das illas Canarias.


Esta mañá desenvolveuse a última sesión do obradoiro de lingua e cultura galega, En galego, co teu acento, que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro dende o 2 de novembro ata o 12 de decembro (de luns a venres), en horario de 9:00 a 10:30 horas. Nesta actividade participaron 15 persoas orixinarias de países como Colombia, Venezuela, Brasil, Arxentina, Guatemala, Perú e da illa de Curaçao. Durante a última sesión deste obradoiro estas persoas amosaron o aprendido, e explicáronlle en galego ao resto dos seus compañeiros, diferentes aspectos dos seus países de orixe e da cidade onde naceron.

Este obradoiro estivo dirixido fundamentalmente á poboación procedente de fóra de Galicia. A través desta actividade pretendeuse que os participantes adquirisen nocións básicas de lingua e cultura galega, para fomentar a súa integración na sociedade amesá e que, ao mesmo tempo, lles sirvan de formación previa para a obtención dos certificados oficiais de lingua galega (CELGAS).

Neste curso participaron persoas que levan xa varios anos vivindo en Ames como outras que acaban de chegar aquí. É o caso de Alba que naceu na Illa de Curaçao e que vive en Galicia desde hai nove anos. Alba xa fixo os catro cursos do CELGA e desenvólvese ás mil marabillas en galego, pero fixo este curso para seguir practicando e avanzar no coñecemento da lingua e da cultura do lugar onde vive agora. Outro exemplo é Xulia, que tamén tiña un amplo coñecemento da lingua pero quería seguir practicando. Nada en Ourense, foi de moi pequena vivir a Venezuela. Hai cinco anos volveu para Galicia e fixo tres cursos CELGA pero quería seguir practicando para soltarse máis e recuperar a escrita.

Por outra banda, Luísa e Fabiana, nai e filla que chegaron de Venezuela hai menos de seis meses realizaron este obradoiro porque queren aprender a lingua para poder integrarse. Ademais, para Fabiana é imprescindible xa que quere continuar os seus estudos na Universidade en Galicia. O mesmo lle acontece a Luís, que hai pouco máis dun mes que chegou de Caracas e non sabía que o galego existía como lingua e que en España había máis idiomas que o castelán. Tampouco sabía que era lingua irmá do portugués. É avogado e quere homologar o seu título para o que lle piden dominar outra lingua.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, foi a encargada de entregarlles os diplomas a todas aquelas persoas que completaron o 90% das horas impartidas. Isabel Vaquero, que asistiu a unha parte da última sesión deste obradoiro, destacou “sodes uns gran embaixadores dos vosos países de orixe xa que aprendín moito agora aquí con vós de varios países como Arxentina, Guatemala, Colombia ou Venezuela”. A concelleira de Normalización Lingüística pediulles que “non deixen de practicar o galego unha vez rematado o curso. Agardo que neste tempo aprenderades moito, pero agora tedes que seguir practicando para afianzar os voso coñecementos”.