Pestanas principais

Remata o obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II a través do cal 15 persoas dispuxeron dun contrato laboral de 6 meses e instalaron equipamentos térmicos de biomasa

Martes, 20 de marzo de 2018

[20-03-2018] Esta mañá o salón de Plenos da Casa do Concello acolleu o acto de clausura do obradoiro de emprego RenovAmes-Brión II, que se desenvolveu dende o pasado mes de setembro. Este obradoiro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, que tivo unha duración de 6 meses, contou coa participación de 15 alumnas e alumnos traballadores que estiveron guiados, ao longo destes meses, por catro persoas (o director do obradoiro, un mestre, unha orientadora e unha auxiliar administrativa). A través deste obradoiro de emprego, o alumnado participante tivo un contrato de 6 meses de duración, e executáronse instalacións caloríficas en varias dependencias e locais dos concellos de Ames e Brión.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, destacou que “a Xunta de Galicia está desenvolvendo 24 obradoiros de emprego en toda a provincia, dos cales 8 enmárcanse dentro do programa de garantía xuvenil. Nestes obradoiros, dos que se están beneficiando 440 persoas, o goberno autonómico está investindo 5,4 millóns de euros, o que acredita o esforzo que está realizando a Xunta de Galicia neste eido”. Asemade, Ovidio Rodeiro tamén saliento que “o 60% das persoas que participan nestes obradoiros de emprego insírense no mercado laboral durante os 6 meses seguinte ao remate do obradoiro”.

Instalación de equipamentos térmicos de biomasa
Ao longo destes seis meses, o alumnado participante, instalou equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da eficiencia enerxética nos locais socias de Ameixenda, Cruxeiras e Firmistáns, en Ames, e na escola infantil dos Ánxeles e na escola rural de Luaña, en Brión. O obxectivo deste obradoiro, que se caracterizou por ser un programa mixto de emprego e formación, foi o de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas. Por este motivo, as 15 persoas participantes (12 de Ames e 3 de Brión) estiveron, durante estes meses, contratadas baixo a modalidade dun contrato de formación e aprendizaxe.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, tamén quixo agradecer o traballo realizado polo alumnado e profesorado, así como polos técnicos municipais de Ames e Brión “porque a impartición destes obradoiros requiren de moito traballo administrativo, que é menos visible, pero non por iso menos importante”. De igual maneira, Isabel González, tamén aproveitou a ocasión para animar ao alumando traballador e desexarlle sorte de cara ao seu futuro laboral. “Xa estamos pendentes de que saían as novas convocatorias para seguir a traballar”.

Neste acto entregáronse os diplomas e os certificados que acreditan o correcto aproveitamento deste obradoiro de emprego. A dito acto asistiron o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro, o alcalde de Ames, José Miñones, o alcalde de Brión, José Luís García, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e mailos Axentes de Desenvolvemento Local de ambos os Concellos.

Esta semana rematou a segunda edición do obradoiro de emprego “RenovAmes-Brión” que, este ano, estivo centrado na formación na especialidade de montaxe e mantemento de instalacións caloríficas. Neste obradoiro participaron 15 alumnas e alumnos traballadores e catro persoas do equipo docente (o director do obradoiro, un mestre, unha orientadora e unha auxiliar administrativa). Este obradoiro contou co apoio financeiro da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo. Ademais, enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos de baixa cualificación.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, doulle os parabéns ao alumnado e profesorado e engadiu “agora tócavos poñer en práctica o aprendido durante estes seis meses pasados. A partir de hoxe comezades cunha segunda fase, que é a de buscar emprego, e para iso tedes a vosa disposición os servizos de emprego municipais. Formástesvos nun sector que está eu auxe como é o dos equipamentos térmicos de biomasa, así que agardamos que en pouco tempo poidades estar traballando e demostrando o aprendido”.

O alcalde de Brión, José Luis García, tamén quixo felicitar ao alumnado e ao equipo docente e dixo “o resultado do traballo que fixestes durante estes seis meses é excelente e tan só hai que pasar polas instalacións da escola infantil dos Ánxeles e da escola rural de Luaña para velo. Deséxovos moita sorte nesta nova andaina, que comezades agora como é a de atopar emprego, e para iso tamén tedes a vosa disposición o servizo de emprego de Brión”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Quince persoas dispuxeron dun contrato laboral grazas ó RenovAmes-Brión II"
Ames Go: "15 persoas dispuxeron dun contrato laboral de 6 meses no RenovAmes-Brión II que ven de rematar"