[17-06-2017] Durante seis meses, entre novembro de 2016 e maio deste ano, unha trintena de veciñas e veciños de Ames melloraron o seu nivel de inglés, a través do curso PET organizado polo Concello de Ames. Cunha duración de 90 minutos por aula, o alumnado traballou dous días por semana as distintas destrezas necesarias para superar esta proba Preliminary English Test (PET-B1). Entre os aspectos positivos destacados polas persoas que asistiron ao curso sobresaen a satisfacción cos contidos tratados, a utilidade dos coñecementos adquiridos, a idoneidade dos materiais pedagóxicos empregados, así como o coñecemento da materia e a capacidade de resposta e solución ás dúbidas por parte do profesorado.
O obxectivo principal deste Curso PET (Preliminary English Test), recentemente finalizado, era adquirir, durante os seus seis meses de duración, os coñecementos necesarios para superar o exame PET. Para isto e, alén do libro de texto empregado, tamén foi utilizada unha plataforma web a través do cal o alumnado puido acceder ao material didáctico. En xeral o curso tivo un enfoque comunicativo. Así, ao longo destes meses conseguiuse completar o traballo necesario para abarcar todos os contidos e aspectos necesarios á hora de presentarse ao exame PET.
Para iso traballáronse os contidos necesarios nas catro competencias básicas da lingua, tanto receptiva (lectura e escoita) como produtivas (fala e escoita). Ao finalizar o curso conseguiuse completar o traballo de todos os contidos e aspectos necesarios para presentarse ao exame PET. Cómpre lembrar que este é un curso preparatorio para optar á obtención do Certificado PET. Complementariamente, utilizouse un libro de texto orientado ás competencias necesarias para adquirir o nivel B1 (Cambrige English Complete PET).
No curso levouse a cabo unha avaliación continua co fin de facer o seguimento das competencias adquiridas, dada a finalidade da acción formativa, non se levou a cabo unha proba final de avaliación. O alumnado tivo á súa disposición diferentes probas e prácticas de exames PET que, unha vez realizadas, foron corrixidos polo docente ofrecendo as indicacións oportunas para mellorar a comprensión e dominio da lingua inglesa.
Principais aspectos a destacar
A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, resalta que “os principais aspectos que destacaron as persoas participantes no curso foron a satisfacción cos contidos tratados, a utilidade dos coñecementos adquiridos, o coñecemento da materia por parte do profesorado, a capacidade de resposta e solución do profesorado ante as dúbidas dos alumnos e a idoneidade dos materiais pedagóxicos empregados”.
O exame, o Preliminary English Test, é un exame de nivel intermedio de lingua inglesa que se corresponde co segundo nivel dos exames Cambridge. O certificado PET está recoñecido a nivel mundial e equivale a un nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. Para poder asistir ao curso era preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames, ter como mínimo 16 anos e ter uns coñecementos mínimos de lingua inglesa (nivel ESO, BUP ou equivalente).
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Treinta amienses terminan el curso para preparar el examen de inglés"




