Pestanas principais

Remata o curso na Rede Municipal de Comedores Escolares cun xantar composto por churrasco con patacas fritas e xeado

Xoves, 20 de xuño de 2013

[20-06-2013] Este xoves, 20 de xuño, rematou o curso 2012-2013 na Rede Municipal de Comedores Escolares. Os nenos e nenas clausuraron o curso escolar nos comedores escolares comendo churrasco con patacas fritas e xeado de xeo. Este menú foi elixido o pasado 6 de xuño polos propios rapaces e rapazas nunhas eleccións nas que o departamento de Educación dálles a posibilidade de elixir o menú de fin de curso. O alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, acompañados doutros membros da corporación municipal asistiron ao comedor do CEP de Ventín para despedir o curso entre o alumnado amiense.




Elección do menú de fin de curso
Os pratos que compuxeron o menú de fin de curso foron elixidos o pasado 6 de xuño nunhas eleccións que se organizan todos os anos co fin de que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar.

Os comicios desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados, o churrasco con patacas fritas e o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores.

O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 307 votos; pizza de xamón e queixo, 233 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 78 votos; polo asado con patacas fritas, 39 votos; pescada rebozada con pasta tricolor, 20 votos; e garavanzos á boloñesa, 10 votos. Na sobremesa, o polo de xeado impúxose con 282 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 182 votos. O biscoito acadou 87 votos; as cereixas, 63, e os amorodos con iogur, 62.

O menú que degustaron hoxe os usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares estivo composto por puré de verduras, churrasco con patacas fritas e xeado de xeo (polo de laranxa ou limón). O Concello fai valer a súa representatividade para elixir o primeiro prato que compón o menú, de maneira que o segundo prato e a sobremesa son decisión dos alumnos/as e outra vén definida pola dirección da Rede Municipal de Comedores Escolares. Aínda que o curso remata o día 21 de xuño este menú servirase o día 20 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén quixo despedir o curso entre o alumnado amiense e acudiu ata o comedor do CEP de Ventín para xantar. O alcalde estivo acompañado polo concelleiro de Educación, Bernardo Moar, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín. Nesta comida tamén participaron concelleiros/as do grupo municipal socialista e concelleiros non adscritos.

Por outra banda, asistiron profesores e directores/as dos cinco centros onde se presta o servizo da Rede Municipal de Comedores Escolares (CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e EEI do Milladoiro), así como representantes das ANPAS municipais, as directoras das escolas infantís municipais A Madalena e O Bosque, a aparelladora municipal, o conserxe do CEP de Ventín, representantes das empresas de monitoraxe Ágora Aberta e Órbita Infantil e traballadores/as municipais do departamento de Educación.