[11-07-2012] A Escola Municipal de Adultos de Ames botou a andar no mes de outubro con 35 persoas inscritas. Este servizo, en funcionamento dende o curso 2004-05, ofrece formación para obter o título de ensino secundario a todas aquelas persoas que teñen máis de 18 anos. Este ano os exames libres adiantáronse ao mes de abril. Isto prexudicou a moitos dos alumnos/as que acababan de incorporarse ao curso. A estas probas presentáronse un total de 23 persoas. En xuño obtiveron o título da ESO o 45% do alumnado, ao resto quédalle pendente algún ámbito que deberán sacar en setembro. Este proxecto educativo levouse a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A Escola Municipal de Adultos axúdalles ás persoas maiores de dezaoito anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas nunha das aulas do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova.
Durante este curso un total de 35 alumnos/as estiveron matriculados neste servizo. Estas persoas, ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre final, intentaron obter o título de educación secundaria. Este ano os exames libres adiantáronse ao mes de abril e isto prexudicou a moitos dos alumnos/as que acababan de incorporarse ao curso. A estas probas presentáronse un total de 23 persoas.
En xuño obtiveron o título da ESO o 45% do alumnado, ao resto quédalle pendente algún ámbito que deberán sacar en setembro. Este proxecto educativo levouse a cabo coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A matrícula está aberta todo o ano
O prazo de matrícula para asistir á Escola Municipal de Adultos permanece aberto ao longo de todo o ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas para ter maiores garantías de aprobar.
O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que configuran a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico.
A educación que ofrece a Escola Municipal de Adultos baséase principalmente na autoaprendizaxe en función das experiencias propias, as necesidades e os intereses do alumnado e é un ensino presencial. Con esta iniciativa, e máis en tempo de crise, ofrécese a oportunidade a un grande número de persoas de melloraren o seu currículum e contar así con maior formación e posibilidades desde o punto de vista laboral.
Novas inscricións
As clases impártense nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral en horario de 18:00 h. a 21:00 h. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.
Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para o próximo curso 2012-13 no departamento de Educación, situado na praza do Concello en Bertamiráns e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar por teléfono ao departamento de Educación a través do número 981 891 476.





