Pestanas principais

Remata o curso de viticultura no que participaron un total de 29 persoas

Martes, 18 de xuño de 2013

[18-06-2013] Este luns, 17 de xuño, realizouse o acto de clausura do seminario de viticultura, que se desenvolveu dende o pasado mes de outubro na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, foron os encargados de entregar os diplomas. Nesta actividade participaron un total de 29 persoas que aprenderon máis polo miúdo as técnicas do cultivo e explotación das vides. Esta actividade foi impartida polos profesores Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, que colleron o relevo de Manuel Oitavén Garrido (profesor voluntario creador deste seminario no ano 2003).

O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, leva dez anos impartindo o seminario de viticultura. Este luns, 17 de xuño, celebrouse o acto de clausura da décima edición deste seminario. A este evento asistiron a concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, que foron os encargados de entregarlle os diplomas ás 29 persoas que este ano participaron nesta actividade.

Ademais, entregáronlle un diploma conmemorativo ao profesor voluntario, Manuel Oitavén Garrido, que foi o creador deste seminario no ano 2003. Este ano os encargados de impartir o curso de viticultura foron Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, dous dos alumnos máis avantaxados de cursos anteriores. Durante a primeira semana do próximo mes de outubro volverá a poñerse en marcha este seminario que esperta o interese de moitos veciños e veciñas de Ames.

Formación teórica e práctica
O temario do seminario de viticultura abrangue todos os aspectos referidos ao cultivo e á saúde do viñedo. As castes propias de Galicia, os marcos de plantación máis axeitados para alcanzar unha boa produción e maduración, as distintas maneiras de guiar os bacelos ou as técnicas de poda que se deben aplicar, son só algúns dos temas que se abordaron dende o pasado mes de outubro.

As clases son moi dinámicas xa que se proxectan vídeos para ilustrar as explicacións teóricas e o último luns de cada mes realízase unha cata de viño. Este seminario impartiuse todos os luns entre as 19:30 h. e as 21:30 h. na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro.

Pero non só se imparte teoría se non que todos os anos se realiza unha excursión a algunha bodega galega. Durante este curso os alumnos/as deste curso visitaron varias bodegas da zona de Monterrei e Verín. Tamén asistiron a unha charla informativa sobre a recollida e a contaminación dos produtos fitosanitarios. Nesta actividade impartíronse diferentes nocións sobre os principais aspectos que hai que ter en conta para reciclar os envases dos produtos fitosanitarios segundo establece a normativa europea. A charla foi impartida por unha técnica da empresa Sitgfito Agroenvases S.L.

Excursión a Ourense
Por outra banda, o pasado sábado o alumando e os profesores/as da Escola Integral de Maiores de Bertamiráns e do Milladoiro, así como os usuarios/as do Club de lectura da Biblioteca municipal do Milladoiro participaron nunha excursión a Ourense onde visitaron a cidade, as Burgas, a Catedral e as Termas da Chavasqueira. Unha vez rematada a visita a Ourense desprazáronse ata Ribadavia para visitar o seu barrio xudeu. Esta excursión realízase todos os anos para pechar o curso.