Pestanas principais

Remata o curso de iniciación á informática da Escola Integral de Maiores

Xoves, 16 de xuño de 2011

[16-06-2011] As xornadas de iniciación á informática da Escola Integral de Maiores, que se desenvolveron na Casa da Cultura do Milladoiro, remataron cun balance máis que satisfactorio. Neste curso participaron dez persoas que aprenderon o uso básico do procesador de textos Open Office Writer, así como nocións básicas do sistema operativo Windows, e unha pequena introdución ao uso da Internet. Estas clases desenvolvéronse todos os venres dende o mes de xaneiro na aula de informática do Milladoiro.

Os cursos da aula de informática do Milladoiro van chegando ao seu fin, coma este, que comezou no mes de xaneiro e rematou o venres pasado. Durante os meses de xullo e agosto manterase o servizo de aula aberta, pero non se volverán a ofertar cursos ata despois do verán. A informática resulta algo complicada para as persoas maiores, por iso, o curso comezou con nocións moi básicas e algún que outro xogo, como o tangram ou a tan coñecida sopa de letras, para coller soltura co rato.

Ademais os alumnos e alumnas puideron aprender o uso básico do correo electrónico e algúns aspectos novidosos que se poden levar a cabo na rede como facer a compra, ler o xornal, consultar revistas, pedir cita para o médico de cabeceira, entre outras.

Neste curso de informática, que tivo unha duración de cinco meses, houbo tempo para todo. Os maiores ademais de aprender a navegar pola rede tamén practicaron cun procesador de textos, para coller máis rapidez á hora de escribir, e sobre todo visualizar o lugar onde están as teclas, practicando con distintos textos relacionados tamén coas diferentes épocas do ano.

Na actualidade os asistentes están encantados co curso, xa que lograron perderlle o medo ao computador, que soe ser o que máis preocupa á xente maior. Agora que coñecen todas as posibilidades que ofrece a internet e o divertido que é aprender, moitos dos alumnos e alumnas seguirían practicando nas horas de aula aberta que se desenvolven durante os meses de verán.