[30-03-2012] A Aula de Informática do Milladoiro acolleu un curso de iniciación ao sistema operativo Windows e ao procesador de textos Writer, que constou de 40 horas lectivas, e que se desenvolveu entre o día 2 e o 30 de marzo. No obradoiro participaron 18 persoas que asistiron en dous grupos, un de mañá de 10:00 h a 12:00 horas, e outro de tarde de 19:00 h a 21:00 horas. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, entregaron os diplomas que certifican o correcto aproveitamento do curso. Esta actividade enmárcase dentro das iniciativas que o Concello pon en marcha para que a veciñanza amiense teña a oportunidade de mellorar os seus coñecementos de informática. As novas tecnoloxías forman parte do día a día e cada día é máis preciso saber manexar un computador ou navegar por internet.

A aula de informática do Milladoiro, situada na Casa da Cultura desta localidade, desenvolve todos os meses diferentes actividades co fin de achegar as novas tecnoloxías a veciñanza amiense. Dentro desta programación estaba incluído un curso de iniciación ao sistema operativo Windows e ao procesador de textos Writer, que se impartiu ao longo do mes de marzo na aula de informática do Milladoiro. Nel, 18 amienses aprenderon a utilizar estas dúas ferramentas case imprescindibles hoxe en día.
Este curso estivo organizada en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 h. a 12:00 horas, e outra de tarde, de 19:00 h. a 21:00 horas, para facilitar a asistencia ao mesmo do maior número de persoas posible. Os asistentes realizaron diversas actividades coa finalidade de practicar e familiarizarse con estes programas tan coñecidos e tan necesarios na actualidade. Os usuarios/as que asistiron a este curso completaron un total de 40 horas.
O alcalde Santiago Amor felicitou aos participantes por completar con éxito o curso, amosando "un gran interese por formarse nas novas tecnoloxías". "Eu anímovos a continuar nesta liña, afondando no uso do ordenador e actualizando os vosos coñecementos sobre as novas tecnoloxías, que cambian moi rápido e poden resultar moi útiles como ferramenta de traballo ou para consultar información", afirmou. Amor concluíu convidando aos usuarios a "seguir vindo a esta aula pública, que é para vós".
Estas xornadas estiveron orientadas a persoas maiores de 18 anos. Entre os 18 participantes houbo xente de todas as idades, pero destacou a participación de varias persoas maiores de 60 anos que xa participaron en obradoiros anteriores organizados pola Aula de Informática do Milladoiro como o curso de iniciación á internet. Moitas persoas asisten ao curso en horario de mañá aproveitando o tempo que os seus fillos pasan diariamente na escola. Outras persoas elixen o horario de tarde para compatibilizar este curso formativo co seu traballo.
O curso estivo dividido dúas partes ben definidas que ocuparon dúas semanas cada unha. Na primeira delas as persoas participantes aprenderon a empregar Windows. Familiarizaranse así co manexo do escritorio, co emprego do menú, a creación de carpetas e iconas e a localización de programas e arquivos no ordenador que non se atopan a simple vista, entre outras características do sistema operativo. A segunda parte centrouse no emprego do procesador de textos Writer. Os asistentes aprenderon como escribir un texto e despois como traballar con el. Ensinóuselles a mudar o formato, a traballar coas diversas fontes, a inserir viñetas e en xeral a mudar a configuración do texto.

Programación abril-xuño
Este curso era o último incluído na programación de inverno, pero dende a Aula de informática xa teñen preparada a programación para os meses de abril, maio e xuño. Durante o próximo mes desenvolverase un curso para aprender a buscar emprego a través da rede. Este curso está dirixido a persoas maiores de 18 anos, que teñen uns coñecementos básicos de alfabetización dixital (o que inclúe navegar pola internet e manexar algún procesador de textos). Esta actividade desenvolverase entre o 23 e o 27 me abril, en horario de mañá, de 10:00 h a 11:00 horas, e de tarde, de 18:00 h a 19:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. Ofértanse 20 prazas (10 para a quenda de mañá e 10 para a quenda de tarde).
No mes de maio desenvolverase un curso de iniciación ás follas de cálculo, que tamén está destinado as persoas maiores de 18 anos con coñecementos básicos en informática o que inclúe manexar algún procesador de textos. Esta actividade desenvolverase entre o 2 e o 31 de maio, en horario de mañá, de 10:00 h a 12:00 horas, e de tarde, de 19:00 h a 21:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 40 horas, ten un custo de 10 euros. Ofértanse 20 prazas (10 para a quenda de mañá e 10 para a quenda de tarde).
Para o mes de xuño queda o obradoiro de mecanografía para nenos/as. Este curso está dirixido a nenos/as de entre 8 e 12 anos interesados en aprender a manexar un programa de mecanografía. Esta actividade desenvolverase entre o 11 e o 15 de xuño, en horario de 16:00 h a 17:00 horas. O obradoiro, que ten unha duración de 5 horas, é gratuíto. Ofértanse un total de 10 prazas. O prazo para inscribirse nestes tres curso estará aberto a partir do 9 de abril.
Estes curso encádranse nun conxunto máis amplo de iniciativas que leva a cabo anualmente a Aula de Informática do Milladoiro coas que se pretende a alfabetización dixital da veciñanza nun mundo cada vez máis tecnolóxico. A boa acollida é dominante nestas iniciativas que se complementan co emprego libre da aula fóra dos horarios de cursos e obradoiros.
Ademais, a aula de informática pon a disposición dos usuarios/as da sala varios programas de mecanografía. Os interesados en aprender a escribir con soltura nun teclado dun computador deben dirixirse á responsable da aula que lle informará ao respecto. Para inscribirse nestes cursos ou resolver calquera outra dúbida ou pregunta, poden comunicarse a través do teléfono 981 535 940 ou vía correo electrónico escribindo a informatica.milladoiro@concellodeames.org.




