[29-06-2011] O curso de castelán para estranxeiros, que se celebrou en Bertamiráns e no Milladoiro, chegou ao seu fin. Unhas 25 persoas estranxeiras que residen en Ames tiveron a oportunidade de aprender ou mellorar o seu dominio do castelán grazas a este acción formativa posta en marcha pola Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante (SAMI). A través deste curso, que comezou no pasado mes de xaneiro, pretendeuse dar resposta ás necesidades específicas das persoas que veñen a vivir ou a traballar ao concello de Ames, xa que a poboación residente en Ames que procede doutros países representa o 6% da poboación total.
A Oficina de Voluntariado de Ames puxo en marcha no mes de xaneiro un curso de castelán para persoas estranxeiras, de xeito que estas puideran mellorar o seu dominio neste idioma para poder desenvolverse con total normalidade en accións do día a día como poden ser facer a compra, elaborar un currículum ou escribir unha carta. O curso impartiuse nos dous núcleos urbanos de Ames, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no que comezaron catorce persoas pero reduciuse a asistencia a nove persoas porque moitos deles atoparon traballo. As clases impartíronse os martes e xoves de 12:00 h. a 13:30 horas.
No Milladoiro, o curso tivo lugar na Casa da Cultura en horario de tarde, os luns e os mércores de 16:30 h. a 18:00 horas. Entre 12 e 16 persoas acudiron a estas sesións, no que o 90% dous usuarios eran de orixe marroquí. A maioría dos usuarios/as levaban aos seus fillos con eles. Dous voluntarios encargáronse de realizan tarefas de apoio e de ensino.
Os usuario/as aprenderon a comunicarse a un nivel básico e cotián, non orientado a un exame ou proba de nivel se non ao desenvolvemento dunha capacidade comunicativa útil e elemental en galego e castelán, orientada á vida diaria. O nivel de dificultade variou en cada edición segundo o nivel inicial que tiñan os participantes, adaptándose ás necesidades destes. O curso deu comezo o 25 de xaneiro e desenvolveuse ata finais do mes de xuño. Este curso foi totalmente gratuíto e o material necesario para o seu desenvolvemento foi proporcionado polo Concello de Ames.
Diversidade étnica e cultural
Entre os dous grupos asistiron unhas 25 persoas de varias nacionalidades: Brasil, Marrocos, China ou Corea. Os alumnos/as aprenderon as funcións comunicativas básicas e cuestións teóricas como a gramática. Os alumnos que procedían do mesmo país axudáronse entre eles. Así foi máis doado explicarlle a algún dos asistentes cousas que non entendían.
O Concello de Ames traballa para fomentar a integración das persoas estranxeiras que residen no municipio. Ames é un dos concellos de Galicia cun maior crecemento demográfico, duplicando nos últimos 20 anos a súa poboación. Entre outros factores, a inmigración e o retorno de galegos e galegas converteuse nunha das maiores causas que avalaron ese incremento. Desta forma, é preciso levar a cabo unha serie de accións e políticas de comunicación neste eido para dar resposta a unhas esixencias deste sector de veciños e veciñas do municipio.
Con este novo marco de diversidade étnica, cultural e lingüística faise imprescindible promover medidas de integración que fomenten o principio de igualdade de oportunidades como é o caso deste curso que organizou a Oficina de Voluntariado de Ames, en colaboración co Servizo de Atención ao Migrante.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Los cursos de lengua en Ames formaron a 25 alumnos"