[23-10-2014] O Observatorio Astronómico Ramón María Aller, dependente da Universidade de Santiago, está impartindo un curso de iniciación á Astronomía no concello de Ames. O interese mostrado polos veciños de Ames nas observacións astronómicas que se realizaron nos últimos meses en Bertamiráns, Milladoiro e no Alto de San Marcos, motivou que o Concello de Ames solicitara ao Observatorio a realización deste curso completo. Na última xornada desta actividade os participantes poderán realizar a observación de diferentes astros, cúmulos e estrelas dobres.
Programa Todocosmos
O programa de divulgación ofertado polo Observatorio Astronómico Ramón María Aller (OARMA) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ten coma obxectivo levar a Ciencia Astronómica a toda a sociedade mediante diferentes actividades para todos os segmentos de idade: cursos, obradoiros, observacións astronómicas, presentacións, etc.
Parte fundamental deste programa constitúeo o proxecto "La Astronomía al alcance de todos: colaboración Universidad-Ayuntamientos-Organismos Públicos y Empresas", que co acrónimo TODOCOSMOS conta co financiamento da FECYT para o ano 2014, e no que participan así mesmo os concellos de Ames, Lalín, Rianxo, Ribadeo, Sanxenxo, Santiago de Compostela, e Teo, así como a empresa Óptica Val.
O Concello de Ames, a través da Aula da Natureza, colabora co Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago de Compostela, no desenvolvemento do programa Todocosmos, que pretende achegar o mundo da astronomía a diferentes concellos de Galicia. No marco deste programa o persoal do observatorio astronómico Ramón María Aller está desenvolvendo un curso de iniciación á astronomía na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Neste curso os participantes puideron coñecer diversas nocións sobre o funcionamento dun planisferio e as coordenadas astronómicas que permiten fixar a posición dos astros celestes. Ademais, aprenderon a empregar o programa gratuíto Stellarium, a través do cal se pode coñecer o estado do ceo en 3D. Na primeira xornada tamén se lles explicou varias nocións teóricas sobre as galaxias e as constelacións de estrelas.
Por outra banda, os participantes aprenderon a montar e manexar un telescopio. Asemade, coñeceron os obxectos celestes que se poden ver no ceo (cometas, asteroides, bólidos, planetas, estrelas fugaces, estrelas dobres, nebulosas, cúmulos estelares, satélites, bólidos e constelacións). Na última xornada desta actividade os 12 participantes neste curso poderán realizar a observación de diferentes astros, cúmulos e estrelas dobres.




