[12-07-2013] A Aula da Natureza acolleu este venres pola tarde a festa de clausura do campamento urbano de verán, que estivo organizado polo Concello de Ames, e no que participaron 36 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas participaron en obradoiros de repostería e cociña, actividades de horta, xogos populares e varias excursións. Estas actividades desenvolvéronse entre o día 1 e o 5 de xullo e do 8 ao 12 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas. A esta festa tamén asistiron os pais/nais ou familiares dos nenos e nenas participantes. A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, entregáronlle aos rapaces e rapazas un diploma e un pequeno agasallo.


Última xornada do campamento urbano
Durante a última xornada do campamento urbano os rapaces e rapazas déronlle o últimos retoques as maquetas que elaboraron durante este días. Os nenos/as fixeron unha maqueta sobre as aves do Val da Maía; unha maqueta sobre un planisferio para atopar a estrela polar; e unha maqueta sobre os animais que cavan no chan e fan galerías a través da terra.
A festa de clausura tamén estivo composta dunha merenda na que houbo algo de comer, limoada, e bebidas feitas con menta e herba Luísa. Na tarde de hoxe tamén se fixo o reconto final das puntuacións obtidas en todos os xogos de grupo que se desenvolveron ao longo destas dúas semanas. Nas instalacións da Aula da Natureza instalouse un marcador onde se foron poñendo os resultados dos diferentes xogos que se realizaron.
Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas participaron en obradoiros de repostería e cociña; elaboración de libretas con material de refugallo; elaboración de papel de auga; actividades de horta; tinguido de prendas; deseño de roupa a partir de prendas de refugallo, etc. Ademais, aprenderon a montar tendas de campaña para ir de campamento. Un total de 6 monitores/as foron os encargados de estar cos rapaces e rapazas, así como de organizar todas as actividades que se realizaron.
Os nenos e nenas que participaron no campamento urbano de verán puxeron hoxe o punto e final a esta actividade municipal que se desenvolveu durante as dúas primeiras semanas do mes de xullo. Os rapaces e rapazas foron os verdadeiros protagonistas desta festa de clausura, xa que exerceron de monitores ante os seus pais e nais. Tanto os rapaces como pais/nais participaron en diferentes xogos populares (petanca, chave, bolos, tiro de corda, o xogo da ra, etc.).
A través desta actividade tratouse de que os rapaces e rapazas pasasen unhas tardes entretidas durante a época estival. Os 36 nenos e nenas que se inscribiron neste campamento participaron en obradoiros, xogos e excursións. En algunhas actividades dividíronse os rapaces en varios grupos tendo en conta a súa idade, pero nas excursións e nos grandes xogos participaron todos xuntos, para que todos os participantes mantivesen o contacto e a relación durante estes 10 días que durou o campamento urbano.




