Pestanas principais

Remata o campamento urbano da Aula da Natureza no que participaron un grupo de 22 rapaces e rapazas

Martes, 21 de xullo de 2015

[21-07-2015] O venres pasado, 17 de xullo, rematou unha nova edición do campamento urbano do Concello de Ames, que se desenvolveu nas instalacións da Aula da Natureza. Dende o 6 ata o 17 de xullo, un total de 22 nenos e nenas de 6 a 13 anos, participaron nunha visita á gandería Busto-Corzón, que está situada no concello de Mazaricos, e a participación nunha andaina ambiental pola ruta do Tambre. Ademais, estas saídas combináronse con outras actividades como obradoiros de cociña, xogos tradicionais, obradoiros ambientais, actividades de astronomía e actividades de horta. O campamento urbano rematou cunha gran festa na que se lle entregaron os diplomas aos/as participantes e na que houbo unha merenda e diferentes xogos. A esta festa tamén asistiu a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García.

Os nenos e nenas que participaron no campamento urbano de verán puxeron o punto e final a esta actividade municipal que se desenvolveu dende o 6 ata o 17 de xullo nas instalacións da Aula da Natureza, que está situada na parroquia da Ameixenda. A través desta actividade tratouse de que os rapaces e rapazas pasasen unhas tardes entretidas durante a época estival. Os 22 nenos e nenas que se inscribiron neste campamento participaron en obradoiros, xogos e varias excursións.

En algunhas actividades dividíronse os rapaces en dous grupos (6-9 anos/9-13 anos) tendo en conta a súa idade, pero nas excursións e nos grandes xogos participaron todos xuntos, para que todos os participantes mantivesen o contacto e a relación durante estes dez días que durou o campamento urbano. O programa deste campamento combinou varias actividades de exterior con outras de interior.

Algunhas das actividades máis salientables que realizaron foron unha visita á gandería Busto-Corzón, que está situada no concello de Mazaricos, e a participación nunha andaina ambiental pola ruta do Tambre. Os nenos nenas tamén desenvolveron actividades de astronomía a través das cales fixeron un reloxo de sol. Ademais, os rapaces e rapazas maiores acondicionaron un muíño que se atopa preto da área recreativa da Ameixenda. Por último, o grupo de pequenos participaron en actividades de horta e en diversos obradoiros para elaborar pulseiras e papel de sal.