Pestanas principais

Remata nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns o programa de reforzo educativo posto en marcha pola OMIX de Ames

Xoves, 21 de xuño de 2018

[21-06-2018] Acaba de rematar unha nova edición do programa de reforzo educativo, que xestiona a Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información xuvenil (OMIX). Esta iniciativa, que estivo dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO, desenvólvese os mércores no IES do Milladoiro e os xoves no IES de Ames, en horario de 16:30 a 18:30 horas. Durante dúas horas á semana impartíronse clases de reforzo nas áreas de ciencias e letras. En total, de xaneiro a xuño ocupáronse 50 prazas nos dous institutos do concello.

A actividade de reforzo educativo iniciouse no pasado mes de xaneiro e prolongouse ata mediados deste mes de xuño. En total impartíronse cada semana catro horas de formación, a cargo de dous docentes, divididas por cursos (1º e 2º da ESO) e por áreas formativas. Os alumnos e alumnas puideron escoller entre asistir ás aulas de competencias básicas na área de letras ou ás de ciencias. Os horarios de cada competencia foron alternos segundo os alumnos e alumnas fosen de primeiro ou de segundo ano, de 16:30 a 17:30 ou de 17:30 a 18:30 horas.

Esta actividade destinouse a dous dos cursos do primeiro ciclo da ESO, xa que o seu alumnado soe ser un dos colectivos con maior demanda de formación. Dende a Concellería de Mocidade inciden na importancia de acompañar aos e ás estudantes no paso da educación primaria á secundaria. Así mesmo destacan o fundamental de establecer, ao longo desta etapa de adaptación, uns hábitos de traballo, un seguimento e un ritmo diario nos estudos, buscando ademais prever comportamentos relacionados co fracaso ou o abandono escolar.

As clases estruturáronse seguindo o método de aprender facendo, evitando que fosen unha extensión das clases regulares. Con elas pretendeuse fomentar a comprensión das ideas adquiridas nos centros de secundaria, a través da práctica dos contidos traballados nas aulas. As actividades de reforzo foron ideadas para completar lagoas de coñecemento, repasar contidos concretos traballados en clase ou, naqueles casos nos que os alumnos ou alumnas o requiriran, facilitar a recuperación de destrezas instrumentais básicas que dificultan ou mesmo imposibilitan ao alumnado atender o desenvolvemento ordinario das clases nos institutos.

A concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, destacou “o bo resultado obtido por esta actividade nos IES de Bertamiráns e do Milladoiro. En total, de xaneiro a xuño ocupáronse 50 prazas nos dous institutos do concello. É importante axudar ao alumnado no paso da educación primaria á secundaria, polo que a nosa idea é seguir impartindo este programa de cara ao vindeiro curso escolar”.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "Remata nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns o programa de reforzo educativo posto en marcha pola OMIX de Ames"