[10-03-2017] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Javier García, e varios técnicos municipais, achegáronse ata a parroquia de Piñeiro para visitar algunha das fincas nas que durante as últimas semanas se realizaron traballos preventivos de eliminación de especies non permitidas e a repoboación de árbores frondosas-caducifolias. Para iso asináronse convenios con veciños e veciñas da parroquia de Piñeiro, para realizar plantacións en varias fincas incluídas nos ámbitos 18 e 27 do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. Os traballos de repoboación e plantación xa se realizaron nas parcelas previstas e outros que quedan pendentes faranse no próximo inverno, xa que na actualidade rematou a época de plantación. En total, este proxecto piloto executarase en 37 fincas, coa plantación de 1.000 plantas nunha superficie de arredor de dúas hectáreas.

Para dar cumprimento a lei de incendios forestais, o Concello de Ames está levando a cabo un plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, a través dun proxecto piloto que se iniciou nos ámbitos 18 e 27 correspondentes á parroquia de Piñeiro. No termo municipal de Ames delimitáronse un total de 59 ámbitos e o obxectivo é estender dito proxecto a todos eles. Para poder executar dito proxecto piloto, asináronse convenios con varios veciños e veciñas de Piñeiro, para repoboar as faixas secundarias de xestión de biomasa, en parcelas de dita parroquia.
Deste xeito, este proxecto piloto executarase en 37 fincas, coa plantación de 1.000 plantas nunha superficie de arredor de dúas hectáreas. Trátase dun convenio para a xestión, roza e repoboación de fincas afectadas pola rede secundaria de faixas de xestión de biomasa en aplicación do plan de actuacións preventivas para a protección do espazo rural e dos asentamentos de poboación do concello de Ames.
Primeira fase de repoboación
A primeira fase dos traballos de repoboación nas fincas, que son propiedade dos veciños cos que se asinaron os convenios, acaban de rematar. Durante as últimas semanas plantáronse 654 plantas (castiñeiros, abeleiras, nogueiras e cerdeiras) en 23 fincas que comprenden uns 10.100 metros cadrados. Haberá unha segunda fase de plantación, que está prevista para o próximo inverno, na que se repoboarán as fincas do resto de veciños/as que participan neste proxecto piloto. Na actualidade non se pode continuar con estes traballos porque rematou a época de plantación.
Dende o Concello animan aos veciños e veciñas, cos que xa se asinaron os convenios de repoboación, a que neste tempo de espera antes das novas plantacións, vaian executando as talas correspondentes, que lles obriga a lei, para que as fincas xa estean preparadas para que no próximo inverno se realicen os traballos de plantación.
O financiamento preciso para acadar os obxectivos descritos no Plan, nutrirase de fondos propios do concello de Ames e das achegas que se determinen co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través da sinatura de convenios de colaboración, sen prexuízo da participación de outros entes públicos e privados en cumprimento das obrigas establecidas na lei de incendios e demais normas de aplicación. A execución deste anual deste plan ten un custo de algo máis de 50.000 euros.
Proxecto pioneiro en Galicia
Dende o goberno inciden en que se trata dun proxecto pioneiro e destacan a importancia do conseguido, de xeito que Ames pasará a ser un dos poucos Concellos galegos nos que se aposte por unha política activa de prevención dando valor ao monte. Esta aposta do executivo amesán permitirá actuar sobre as faixas máis perigosas para os veciños e revalorizar o valor das parcelas do monte da veciñanza. O alcalde, José Miñones, destaca o apoio e a implicación tanto dos veciños de Piñeiro, como do persoal técnico do concello, que ven que é unha aposta diferente fronte á política de incendios.
O goberno municipal a través deste proxecto piloto pretende fomentar o cumprimento da lei; a posta en valor dun terreo non explotable forestalmente; o control do monte baixo; a obtención de beneficios complementarios non madeireiros; e reverter a visión negativa que ten dita lei. A través da sinatura destes convenios propónselle aos veciños/as que realicen a plantación destas faixas con árbores frondosas-caducifolias. O Concello subvenciona o 80% dos traballos de roza, subsolado, aboado, micorizado, apertura manual ou mecánica e plantación. As especies que se empregan na repoboación son elixidas entre os veciños e mailo Concello.





