Pestanas principais

Remata a Escola de Verán 2018 con piscina, concursos e obradoiros de cociña

Venres, 31 de agosto de 2018

[31-08-2018] Este venres, 31 de agosto, remata a Escola de Verán, que este ano tivo como liña temática o medio ambiente e a necesidade de adoptar unha actitude ecoloxista. Así, ao longo de xullo e agosto, os nenos e nenas afondaron no coñecemento dos elementos terra, lume, auga e aire, a través de xogos e actividades que lles permitiron adquirir novos coñecementos ao tempo que se divertían cos seus compañeiros.


Despois de dous meses adicados a xogar e descubrir novas cousas sobre o medio ambiente, este venres, 31 de agosto, o programa de conciliación Escola de Verán 2018 despídese con diversas actividades, en función do centro.

Así, na escola infantil do Milladoiro adicaron a mañá a realizar unha asemblea de despedida, onde os nenos e nenas falaron das actividades que máis gozaron ao longo destas semanas, e de seguido, dunha sesión de baile e piscina; mentres que os rapaces/as de primaria, despois de ver un vídeo recompilatorio destas semanas, celebraron un concurso no que mostraron toda a súa creatividade a través de actuacións, teatro, etc.

Por outra banda, na Maía despediron a escola cun obradoiro de cociña onde elaboraron varias ensaladas con froita, verduras e alimentos da súa horta ecolóxica, para rematar cunha esperada visita á piscina.

Como recordo, as familias dos participantes poderán acceder ao documental Alerta Ames!, realizado polo alumnado dende o comezo desta edición da Escola de Verán, que estará dispoñible na zona privada da web da escola nos vindeiros días, en canto remate o proceso de edición.


A importancia da ecoloxía
Esta edición da Escola de Verán, programa co que o Concello de Ames a través da Concellaría de Educación e Cultura busca facilitarlle ás familias a conciliación entre a vida laboral e familiar durante a época estival, tivo como lema Alerta Ames. Así, as actividades dividíronse en catro bloques que corresponderon coas catro quincenas: Canto lixo!! (terra), Apaguemos os lumes!! (lume), Nin unha pinga máis!! (auga) e Non se pode nin respirar!! (aire). Asemade, xullo foi o mes máis solicitado polas familias, con 283 nenos/as inscritos na primeira quincena e 268 nos últimos quince días do mes, fronte aos 141 e 140 da primeira e segunda quincena de agosto.

No tocante á temática, este ano o programa estivo orientado a concienciar aos nenos e nenas da importancia de coidar o medio ambiente e adoptar un punto de vista ecoloxista. Así, durante a primeira quincena de xullo, as rapazas e rapaces que participaron na Escola de Verán crearon un grupo ecoloxista baseado nuns principios, slogan e logotipo propios. Tamén fixeron varios agasallos e caixas de correo elaboradas con material reciclado, e abordaron o coidado dunha pequena horta urbana. Ademais, comezaron a elaborar un documental onde intentaron plasmar os principais problemas medioambientais que sofre a súa contorna e posibles solucións para atallalos. O documental, que está en fase de edición, será subido á páxina da Escola de Verán nos próximos días.

Os últimos quince días do mes de xullo adicáronos ao lume e ao problema medioambiental no que pode converterse o seu uso descontrolado, polo que se fixo especial fincapé na concienciación do perigo que supón a polución e os incendios. Así, os cativos e cativas enfrontáronse en varias situacións co lume mediante pequenas obras de teatro, unha xincana de olores e unha saída a unha zona afectada polos incendios, para rematar coa Berta Chef e a proxección da primeira parte do documental Alerta Ames!.


A importancia das enerxías renovables
A primeira quincena de agosto estivo adicada aos problemas que supoñen a contaminación e os plásticos na auga, así como o seu consumo descontrolado. Os nenos e nenas realizaron un photocall de “acuario xigante”, así como pequenos acuarios realizados con materiais de refugallo ambientados no Polo Norte, no Caribe e nas costas galegas. Tamén se realizou unha tómbola acuática cos xoguetes feitos durante o mes de xullo.

Nesta segunda metade de agosto, as actividades xiraron en torno ao aire e a importancia das enerxías renovables. Neste contexto, os raparigos e raparigas fixeron e decoraron papaventos, paracaídas, muíños de vento e avións personalizados; así como maquetas de escolas alternativas con material de refugallo e moita imaxinación.

Tamén realizaron actividades como contacontos, unha xincana do aire e un circuíto no que os nenos/as simularon ser avións de incendios, e durante o que tiveron que superar unha serie de probas ata chegar á súa meta: apagar incendios. Asemade, os monitores/as tamén aproveitaron o bo tempo para levar aos rapaces e rapazas á piscina e aos xardíns do Pazo da Peregrina ou aos montes do Milladoiro.