Pestanas principais

Remata en Ames o segundo campus de verán da Fundación Celta de Vigo coa visita do exfutbolista Mario Bermejo

Venres, 03 de xullo de 2015

[03-07-2015] O concello de Ames acolleu por segunda vez consecutiva un campus de verán organizado pola Fundación Celta de Vigo, que se desenvolveu entre o 29 de xuño e o 3 de xullo, no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta actividade rematou cunha gran festa na que os rapaces e rapazas participantes no campus adestraron cos seus pais e nais. Asemade, entregóuselle un diploma e varios agasallos aos preto de 60 nenos/as que participaron nesta iniciativa. Ademais, sorteouse entre os participantes unha camiseta do Real Club Celta de Vigo. No acto de clausura participaron o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e o exfutbolista do Celta de Vigo, Mario Bermejo, que respondeu ás preguntas dos nenos/as, asinou autógrafos e fixo fotos con todas as persoas que llo pediron.

O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo organizaron unha nova edición do campus de verán de fútbol, que se desenvolveu nas instalacións do campo municipal do Milladoiro dende o 29 de xuño ata o 3 de xullo. Nesta iniciativa participaron preto de 60 nenos e nenas de 4 a 16 anos, que estiveron divididos en catro grupos dependendo da súa idade. Esta iniciativa enmárcase dentro da conmemoración do décimo aniversario da Peña Celtista do Milladoiro. Esta entidade é a promotora deste campus no que tamén colaboran o Concello de Ames e o Milladoiro SD.

Este evento deportivo desenvolveuse de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e este venres 3 de xullo de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus celebrouse unha festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes. Os adestramentos estiveron dirixidos por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo.

No acto de clausura participaron o concelleiro de Desenvolvemento sostible, Infraestruturas e Planificación, Blas García, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e o exfutbolista do Celta de Vigo, Mario Bermejo, que respondeu ás preguntas dos nenos/as, asinou autógrafos e fixo fotos con todas as persoas que llo pediron.

Ademais, tres rapaces que participaron neste campus (Óscar Míguez, Brais da Torre e Jorge Oliveira) foron elixidos para ir adestrar e facer unha proba na Madroa coas categorías inferiores do Real Club Celta de Vigo.

O obxectivo deste campus foi ensinarlles e perfeccionar varios conceptos relacionados co fútbol e co deporte. Os nenos/as recibiron unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe.