[04-08-2014] O concello de Ames acolleu por primeira vez este ano un campus de verán organizado pola Fundación Celta de Vigo, que se desenvolveu entre o 28 e o 1 de agosto, no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Esta actividade rematou cunha gran festa na que os rapaces e rapazas participantes no campus adestraron cos seus pais e nais. Asemade, entregóuselle un diploma e varios agasallos aos 60 nenos/as que participaron nesta iniciativa. No acto de clausura participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, un directivo do Milladoiro SD, Óscar Vázquez, e o exfutbolista do Celta de Vigo, Mario Bermejo, que respondeu ás preguntas dos nenos/as, asinou autógrafos e fixo fotos con todas as persoas que llo pediron.
No acto de clausura participaron o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Educación e Xuventude, Bernardo Moar, o director da Fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, o presidente da Peña Celtista do Milladoiro, Brais Alonso, un directivo do Milladoiro SD, Óscar Vázquez, e o exfutbolista do Celta de Vigo, Mario Bermejo, que respondeu ás preguntas dos nenos/as, asinou autógrafos e fixo fotos con todas as persoas que llo pediron.
O obxectivo deste campus foi ensinarlles e perfeccionar varios conceptos relacionados co fútbol e co deporte. Os nenos/as recibiron unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe.
O Concello de Ames e a Fundación Celta de Vigo organizaron o primeiro campus de verán de fútbol, que se desenvolveu nas instalacións do campo municipal do Milladoiro dende o 28 de xullo ata o 1 de agosto. Nesta iniciativa participaron 60 nenos e nenas de 4 a 16 anos, que estiveron divididos en catro grupos dependendo da súa idade. Esta iniciativa xurdiu con motivo do 10 aniversario da Peña Celtista do Milladoiro. Esta entidade está organizando varias actividades para conmemorar o seu décimo aniversario e unha delas foi este campus de verán, que organizou a Fundación Celta de Vigo, e que contou coa colaboración do Concello de Ames e do Milladoiro SD.
Este evento deportivo desenvolveuse de luns a xoves, en horario de 10:00 a 14:00 horas, e o venres 1 de agosto de 10:00 a 18:00 horas, debido a que durante a última xornada do campus celebrouse unha festa con comida incluída, entrega de diplomas e adestramento compartido cos pais/nais dos participantes. Os adestramentos estiveron dirixidos por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Club Celta de Vigo.