Pestanas principais

Remata a edición 2021-2022 do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión superando o 60% de inserción

Sábado, 26 de novembro de 2022

O programa integrado de emprego dos concellos de Ames e Brión, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade con 243.316,35 euros, vén de rematar a edición 2021/2022 con resultados moi satisfactorios en todos os ámbitos do programa. O pasado día 21 de novembro rematou dito programa, no que máis do 60% das persoas participantes tivo algún contrato laboral. Nesta edición, participaron 100 persoas desempregadas (60 mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión e 40 persoas menores de 30 anos desempregadas e cunha cualificación máxima de Bacharelato), que se formaron nos ámbitos de comercio, almacén, ocio infantil e tempo libre, limpeza e arranxo de habitacións en hoteis, turismo e TICs.

O obxectivo do programa é a inserción laboral das persoas participantes ou, cando menos, a mellora da súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións (titorías individuais, formación, prácticas...) e adaptando o seu “itinerario” en función dos perfís individuais e as súas expectativas.

Na actual edición que vén de rematar superouse o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes (contratos de 3 meses ou máis) chegando ao 53%. Á data de finalización do programa, un total de 62 participantes tiveron un ou varios contratos ao longo do programa.

Formación para o emprego
Ao longo do programa desenvolvéronse catro itinerarios formativos de carácter sectorial, nos que se incluían diferentes cursos: actividades para a infancia e a xuventude, actividades de comercio e atención ao público, xestión e organización do almacén e turismo.

Realizáronse un total de 18 actividades formativas do catálogo de especialidades do SEPE e formación con homologacións oficiais como o curso de monitorado de actividades de tempo libre e o de operador de carretilla elevadora (UNE 58451).

Ademais, impartíronse cursos de carácter transversal de diversa temática e duracións que melloraron os perfís das persoas participantes. Así, tiveron lugar cursos de inglés (tres cursos de diferentes niveis); informática e ofimática; coaching e motivación para a procura de emprego; creación e xestión de marca persoal; habilidades sociais; técnicas de busca de emprego e entrevistas de traballo; contratación laboral; emprendemento etc.

Para facilitar a participación e ampliar a diversidade da oferta de cursos, as persoas participantes tamén dispuxeron da plataforma de formación en liña cun catálogo de máis de 250 cursos clasificados por familias profesionais coa flexibilidade que implica esta modalidade.                                     

Titorías individuais
As persoas participantes asistiron con regularidade ás sesións de orientación individuais (titorías) nas que se lles asesorou no seu proceso de procura de emprego, as actividades a realizar no programa e en calquera outra cuestión que precisaran para mellorar a súa empregabilidade.

Prácticas non laborais en empresas
A realización de prácticas non laborais en empresas, vinculadas á formación sectorial, é unha das actividades con mellores resultados para a inserción laboral e que conecta ás persoas participante co tecido empresarial, sendo en moitos casos a súa primeira experiencia laboral. Así, 47 participantes desenvolveron a súa actividade de prácticas froito da sinatura de 23 convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio”, “Organización e xestión de almacén”, “Monitorado de ocio e tempo libre”, “Monitorado de comedor escolar” e “Recepción e atención ao cliente en establecementos de aloxamento” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade.

Hai que agradecer a colaboración das seguintes empresas: Grupo Gescaho, Hotel Pazo de Altamira, Hotel Balneario do Tremo, Hotel Casa Rosalía, Bazar de Villar (Juguettos), Sprinter, JD sports, Ferretería el Hórreo, HCV Otero, GiFi, CENOR, XESGA, Carrefour Bertamiráns, GADIS, Escola Infantil Merlin, Os Biosbardos Animación, Jardanay, Educalia, A Billarda, Ágora Aberta, Mancuco Animación, ETL Don Bosco, Servicios Integrales de Formación (SIF), ETL Fesán, HEBE Sport,...

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca o éxito que tivo un ano máis o programa integrado que desenvolven os Concellos de Ames e Brión en colaboración e que conta co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade. “Trátase dun programa que ten un gran porcentaxe de inserción, algo que en gran medida é grazas ao bo traballo do persoal municipal de ambos Concellos. Na edición que acaba de rematar un total de 62 participantes tiveron un ou varios contratos ao longo do programa. Temos coñecemento que se realizaron algúns contratos indefinidos. Deste xeito, superouse amplamente o obxectivo de inserción fixado inicialmente do 40% do total das persoas participantes”.
                                                                                                             
Programa integrado de emprego 2022-2023
Cos bos resultados acadados, os Concellos de Ames e Brión van iniciar unha nova edición (2022-2023) do programa integrado de emprego, financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade con  245.269,72 euros e cofinanciado por ambos Concellos, e que está dirixido a 100 persoas desempregadas de ambos concellos.

Ao igual que nas edicións anteriores o obxectivo do programa é a inserción laboral das persoas participantes ou, cando menos, a mellora da súa empregabilidade. O programa parte cun obxectivo de inserción do 40% do total das persoas participantes.

Selección de participantes
Nos vindeiros días iniciarase o proceso de selección das persoas participantes que se desenvolverá durante os próximos dous meses. Nesta ocasión, deberán encadrarse nos seguintes perfís:                                  

  • Mulleres desempregadas dos concellos de Ames e Brión (55 prazas).
  • Persoas menores de 30 anos desempregadas dos concellos de Ames e Brión (45 prazas).

As persoas interesadas en participar no programa deben estar inscritas como demandantes de emprego e encadrarse nalgún dos colectivos anteriores. Poden apuntarse para participar en dito proceso de selección cubrindo o cuestionario dispoñible pinchando aquí ou escaneando o código QR que está ao pé desta nova.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan integrado de empleo de Ames y Brión llega al 60% de inserción

El Correo Gallego: "Remata o programa de emprego Ames-Brión"

Enfoques: "Abierta la inscripción para el Programa Integrado de Emprego de Ames e Brión"

Imaxe do programa integrado de emprego 2021-2022

Multimedia

  • Código QR para apuntarse no programa integrado de emprego 2022-2023
  • Imaxe do programa integrado de emprego 2021-2022
  • Imaxe do programa integrado de emprego 2021-2022
  • Imaxe do programa integrado de emprego 2021-2022
  • Imaxe do programa integrado de emprego 2021-2022