Pestanas principais

Remata a cuarta edición do proxecto Ames Integra no que participaron unhas 40 persoas

Venres, 31 de marzo de 2017

[31-03-2017] O Concello de Ames, a través dos departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Información á Muller, estivo desenvolvendo a cuarta edición do proxecto Ames Integra. Trátase dun programa bianual de formación e integración socio-laboral, que estivo dirixido á poboación inmigrante que reside no termo municipal amesán. Este servizo financiado pola Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo con máis de 18.000 euros, estivo enfocado á impartición de accións dedicadas á integración social e laboral de colectivos estranxeiros.

O Concello de Ames desenvolveu a cuarta edición do proxecto Ames Integra, que estivo dirixido á poboación estranxeira extracomunitaria con permiso de residencia e traballo. Este programa, que estivo organizado en colaboración entre os departamentos de Servizos Sociais, Promoción Económica e o Centro de Atención á Muller, marcou unhas liñas estratéxicas para mellorar a empregabilidade dos desempregados inmigrantes con menos recursos económicos e formativos. A través deste proxecto intentouse favorecer a inserción laboral deste colectivo.

Este proxecto, no que participaron 40 persoas, comezou a desenvolverse en outubro de 2016 e rematou o 31 de marzo. A través deste proxecto impartíronse itinerarios personalizados de inserción socio-laboral e un curso de esforzo e integración no que participaron 10 alumnos/as que lles facilitará a obtención do permiso de residencia. Esta formación é unha ferramenta moi importante para a integración deste colectivo de persoas estranxeiras que acaba de chegar a Ames.

Ademais, impartíronse outras accións formativas entre as que se atopaba un curso de formación transversal no que participaron 10 mulleres para obter o carné de conducir. A través desta formación pretendeuse que estas mulleres mellorasen as súas opcións para dispor dun traballo estable. A formación deste programa rematou este venres 31 de marzo. Este programa estivo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia, a través da Consellaría de Política Social, cunha partida de algo máis de 18.000 euros. Os usuarios/as deste programa dispuxeron dunha axuda para o desprazamento.

Asesoramento técnico especializado
Por outra banda, ao longo de todo o programa desenvolveuse un programa de asesoramento técnico especializado a persoas inmigrantes do que se beneficiaron arredor de 50 usuarios/as. A través deste programa tratouse de regularizar a situación administrativa dos/as beneficiarios/as en función das súas expectativas laborais; renovación e modificación das autorizacións de residencia e traballo; homologación de títulos; etc.

Dende o goberno municipal a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explicou que “a finalidade principal deste programa foi que dito colectivo de persoas estranxeiras tivera acceso a unha formación específica mediante a impartición de cursos transversais que lles permitan o incremento das posibilidades de renovación das autorizacións de residencia e traballo”. Nesta mesma liña manifestouse a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, que dixo: “o proxecto Ames Integra IV baseouse en tres grandes liñas de acción como son a información, a formación e os itinerarios persoais de inserción”.