Pestanas principais

Remata a campaña en favor de Paula na que se recolleron máis de 20 bolsas de tapóns de plástico

Venres, 13 de abril de 2012

[13-04-2012] O Concello de Ames, a través da Oficina de Voluntariado, puxo en marcha a mediados do mes de xaneiro unha campaña para recoller tapóns de plástico en favor de Paula, unha nena de 19 meses que ten agenesia sacra. Paula é unha nena de Boiro que naceu sen sacro. Precisa dunha intervención cirúrxica moi custosa en Alemaña. Tres meses despois a campaña remata cun balance máis que positivo. A colaboración dos veciños e veciñas de Ames permitiu encher arredor de 25 bolsas de gran tamaño con tapóns de plástico. O Concello de Ames enviaralle os tapóns á plataforma de apoio a Paula. Despois a devandita plataforma remitiralle todos os tapóns que xunte á empresa Acteco, unha compañía de reciclaxe de Alacante, que llos trocará por diñeiro. A recollida de tapóns realizouse nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Este venres 13 de abril rematou de xeito oficial a campaña de recollida de tapóns en favor de Paula, unha nena de 19 meses que ten agenesia sacra. O concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e a concelleira de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores, María Dolores Fernández, estiveron esta mañá na Casa da Cultura do Milladoiro para supervisar as tarefas de traslado dos tapóns. Os concelleiros destacaron a gran colaboración da veciñanza amiense que achegou un gran número de tapóns de plástico que permitiu encher arredor de 25 bolsas de gran tamaño. Aínda que non se cuantificou o número de quilos de tapóns que se recolleu dende ambas as dúas concelleiras incídese en que se superaron todas as expectativas.

A través desta campaña o Concello de Ames sumouse as iniciativas postas en marcha en favor de Paula, unha nena que naceu sen sacro e con dúas vertebras mal formadas o que lle afecta as extremidades inferiores. Esta rapaza non pode andar e necesita un tratamento cun custo moi elevado. Para pagar parte do tratamento que terá que realizar Paula en Alemaña, a Oficina de Voluntariado, organizou esta campaña de recollida de tapóns de plástico. A entrega de tapóns puidose realizar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.

Agora, unha vez pechada a campaña, os propios concelleiros e o coordinador da Oficina de Voluntariado de Ames estiveron xuntando as bolsas de tapóns do Milladoiro para xuntalas coas recollidas en Bertamiráns. A vindeira semana a brigada municipal de Obras achegaralle os tapóns á plataforma de apoio a Paula. Posteriormente, esta plataforma remitiralle todos os tapóns que xunte á empresa Acteco, unha compañía de reciclaxe de Alacante, que llos trocará por diñeiro.

A comezos de ano o Concello xa organizou o III partido benéfico de baloncesto Concello de Ames. O obxectivo desta cita deportiva foi recadar diñeiro para Paula. Neste partido o XL Milladoiro enfrontouse contra un equipo de famosos de Galicia entre os que se atopaban Pepo Suevos, Óscar Pereiro, Xavier Deive, Terio Carrera, David Amor e Federico Pérez entre outros. Nesta iniciativa recadáronse 2.600 euros.

Ademais de colaborar con esta iniciativa os veciños e veciñas que o desexen poden facer unha achega económica no número de conta 2080-0311-15-3000161584. Para máis información poden chamar á Oficina Municipal de Voluntariado de Ames marcando o número de teléfono 981 883 703.