Pestanas principais

Remata a campaña de fomento da reciclaxe co reparto de preto de 1.500 bolsas para separar o vidro, plástico e papel

Mércores, 21 de marzo de 2012

[21-03-2012] O Concello de Ames e a Mancomunidade do Barbanza realizaron unha campaña para fomentar a reciclaxe. A través desta iniciativa pretendeuse concienciar a veciñanza amiense da importancia da reciclaxe e da separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. Unha vez rematada a devandita campaña toca facer balance. O persoal da Mancomunidade Serra do Barbanza estivo entre o día 29 de febreiro e o 9 de marzo nas instalacións da Casa da Cultura de Bertamiráns. Posteriormente, trasladáronse a Casa da Cultura do Milladoiro, onde estiveron os días 12, 13, 14, 15 e 16 de marzo. O obxectivo desta campaña foi concienciar á veciñanza amiense sobre a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. Para iso repartiuse un total de 1436 paquetes de bolsas de rafia para facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. En Bertamiráns repartíronse 646 e no Milladoiro 790.

A Concellaría de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, en colaboración coa Mancomunidade do Barbanza, desenvolveu unha campaña para fomentar a separación en orixe dos residuos sólidos urbanos. A devandita campaña comezou o pasado día 29 de febreiro na Casa da Cultura de Bertamiráns e rematou o día 16 de marzo na Casa da Cultura do Milladoiro.

A campaña desenvolveuse primeiro en Bertamiráns. Durante os días 29 de febreiro e 1, 2, 5, 6 7, 8 e 9 de marzo o persoal da Mancomunidade Serra do Barbanza estivo no centro sociocultural desta localidade para repartir un trío de bolsas de rafia co obxectivo de facilitar a separación na casa do vidro, plástico e papel segundo a cor da bolsa. Durante estes oito días achegáronse 646 persoas ata a Casa da Cultura de Bertamiráns para interesarse pola campaña de reciclaxe e co fin de recoller as bolsas para separar o vidro, plástico e papel. Posteriormente, entre o 12 e o 16 de marzo a campaña desenvolveuse na Casa da Cultura do Milladoiro. Nesta localidade repartíronse un total de 790 paquetes de bolsas.

En total, o persoal da Mancomunidade Serra do Barbanza repartiu 1436 paquetes de bolsas de rafia para separar o vidro, plástico e papel. Para poder recoller as bolsas, os veciños/as tiveron que achegar unha carta sobre esta campaña, que previamente xa se lles enviou aos seus domicilios. Todas as persoas que viven en Bertamiráns e no Milladoiro recibiron unha carta para informarlles desta campaña e para que puideran pasar a recoller o paquete de bolsas.

Deste xeito, os veciños/as dispoñen de tres bolsas diferentes. Na bolsa azul poden depositar o papel e o cartón; na bolsa verde poderán deixar o vidro e na bolsa amarela porán os envases de plástico, latas e bricks. Ademais, a veciñanza amiense xa dispón dun caldeiro que foi distribuído pola Mancomunidade do Barbanza nunha campaña anterior. Neste caldeiro poden depositar os residuos orgánicos (restos de comida, tanto crus como cociñados, follas secas, etc.) para despois deixalo no colector pequeno de tapa verde. Cumprindo estas normas de separación conseguiremos manter o concello máis limpo e ser máis respectuosos co medio.

Ao mesmo tempo que se repartían as bolsas realizouse un enquisa para comprobar se a veciñanza amiense está concienciada coa necesidade de reciclar e se coñecen o destino do lixo unha vez depositado nos colectores. O resultado da enquisa foi moi positivo, xa que a maioría das persoas responderon que empregaban os colectores que se repartiron nunha campaña anterior para separar os residuos orgánicos dos non orgánicos, e, por conseguinte, realizan unha correcta separación dos residuos sólidos urbanos.