Pestanas principais

Remata a campaña Ames en Negro cunha gran implicación da veciñanza amesá

Mércores, 30 de novembro de 2016

[30-11-2016] Entre o 18 e o 28 de novembro o Concello de Ames sumouse á campaña “En negro contra a violencia” na que participaron 17 concellos galegos. A través de Ames en Negro contra a violencia tratouse de facer visible a protesta contra esta lacra social a través de camisetas, manteis, mandís, lonas e outros distintivos que amosaron a repulsa da sociedade fronte á violencia machista. No concello amesán máis de 100 axentes sociais (establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAs e centros escolares) adheríronse á campaña contra a violencia de xénero.


A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, amosouse moi satisfeita co resultado da primeira edición da campaña Ames en Negro. “A veciñanza amesá, persoal do Concello, establecementos hostaleiros, comercios, empresas, asociacións, clubs deportivos, ANPAs e centros escolares,... responderon masivamente ao chamamento que fixemos, para formar parte desta campaña en contra da violencia de xénero. Para iso repartimos 700 camisetas, lonas, e carteis con diferentes lemas como Espazo de violencia machista, Respecta as miñas decisións, Non son o teu dono, Si é si, non é non, Son libre de decidir a miña vida, 1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo, que se colocaron nos escaparates dos comercios e noutros puntos do concello”.

Os obxectivos da campaña foron o fomento dunha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal a través da coordinación entre concellos moi diversos e de diferentes cores políticas. Tamén se implicou ao tecido económico, asociativo, educativo, deportivo, social e cultural, así como a toda a cidadanía, nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero e dos asasinatos machistas, e incidiuse nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero a través do uso de materiais de campaña específicos por parte dos establecementos comerciais e axentes sociais. Ademais, esta campaña enmarcouse dentro dos actos que este ano programou o Concello de Ames co gallo do “Día Internacional de eliminación da violencia contra as mulleres”.

“O obxectivo era que Ames se tinguira enteiramente de negro, participando desta iniciativa mostrando a súa repulsa contra ás violencias machistas e creo que o conseguimos. Implicamos aos traballadores do concello, ao persoal das escolas infantís municipais, aos xogadores do Bertamiráns FC e do Milladoiro SD, ás xogadoras do FC Meigas, etc. Todos eles e elas participaron nesta campaña lucindo as camisetas negras co lema Ames en Negro”, explicou a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo.

Fútbol Club Meigas tinguise de negro
O equipo de fútbol feminino FC Meigas realizou un acto de presentación o sábado pasado, 26 de novembro, no pavillón de Bertamiráns. A tarde comezou cun fantástico partido das rapazas da categoría alevín. Continuaron coa foto oficial do club para a tempada 2016-17. De seguido, toda a familia do Meigas participou dun precioso acto contra a violencia de xénero, sumándose desta maneira a campaña do Concello de Ames Ames en Negro. As xogadoras, familiares, directivos e adestradores participaron facendo unha foto de familia coa camiseta da campaña e un divertido photocall, con frases contra a violencia, cas que as nenas sentíronse identificadas. Por último disputouse o partido entre o primeiro equipo do FC Meigas e o T.C.A. Instalaciones F.S. Pontedeume.