Pestanas principais

Remata a brigada de acondicionamento da rede viaria municipal

Martes, 01 de febreiro de 2011

[01-02-2011] O Concello de Ames contou durante os últimos seis meses cunha brigada que se encargou do mantemento e acondicionamento da rede viaria municipal. Este grupo de traballo estivo formado por un encargado e cinco peóns que formaron a brigada de mantemento da rede viaria rural no Concello de Ames. O servizo desta brigada estivo subvencionado pola Consellería de Traballo dentro da concesión de axudas correspondentes ao Plan de Cooperación 2010 "Adaptabilidade e Emprego". A súa labor foi manter en bo estado as pistas forestais e a rede viaria do termo municipal. Os seis operarios que formaron este grupo de traballo realizaron as súas labores entre o 1 de agosto de 2010 e o 31 de xaneiro de 2011.

Un Concello non só debe crear novas infraestruturas senón que tamén debe conservar as que ten. É por iso que dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos préstaselle unha especial atención ao mantemento da rede viaria municipal. Para executar estes traballos a Administración local contou, dende o pasado 1 de agosto ata o 31 de xaneiro, cunha brigada que se encargou de arranxar e mellorar as pistas forestais e a rede viaria do termo municipal.

Este grupo de traballo estivo encadrado dentro do departamento de Obras e Servizos, Infraestruturas, Parques e Xardíns. A necesidade de crear este grupo de traballo estivo motivada polo feito de que dito departamento non conta con persoal dedicado exclusivamente ás tarefas sinaladas polo que foi o persoal desta brigada o encargado de levalas a cabo. Ademais, dentro da brigada de obras só se conta cun tractor desbrozadora para realizar este tipo de traballos. Por iso foi fundamental dispor dunha brigada que puidera realizar manualmente estas tarefas de limpeza.

Debido a iso, esta brigada desenvolveu un plan de traballo específico. Así, o encargado e os cinco peóns realizaron tarefas de limpeza, desbroce e mantemento das pistas do concello. Este tipo de tarefas son necesarias para manter no mellor estado posible a elevada quilometraxe de pistas existentes no municipio. Durante a época estival estiveron traballando na limpeza de maleza e herba na zona da Telleira e no vertedoiro da Ameixenda. Ademais arranxaron as beirarrúas da rúa Azcárraga, limparon a carballeira que hai en Agrón ao carón do centro socio cultural, colocaron varias sinais no Milladoiro e limparon diferentes camiños nos lugares de Covas, Pousada e Castrigo.

Durante os mes de outubro e novembro continuaron coa limpeza de camiños na parroquia de Lens. Tamén limparon a maleza no contorno da igrexa de Lapido, arranxaron unha pista en Castrigo e no lugar de Barreiro. Por outra banda os traballos de limpeza abarcaron a rúa das Eiras, o contorno da pista polideportiva de As Mimosas, a rúa Muíño Vello no Milladoiro, un camiño peonil en Casanova, diferentes gabias en Ventín, Quistiláns, e na zona da Telleira. Ademais limparon a zona do parque de Lapido, varias pistas en Pontemaceira e Piñor, a rúa Tras das Cortes, e o camiño real de Santiago a Fisterra ao seu paso por Augapesada.

Os dous últimos meses de traballo (decembro e xaneiro) dedicáronos a limpar as beirarrúas en Piñeiro e as cunetas no lugar de Ventosa. Tamén se encargaron de repoñer as plaquetas que estaban soltas por diferentes rúas de Bertamiráns e do Milladoiro, para manter en perfecto estado as beirarrúas dos núcleos urbanos. Por último limparon as prazas de Manuel Murguía e de Chavián.

Durante os meses de inverno os operarios desta brigada tamén se encargaron de botar sal nas estradas amienses para que non se creasen placas de xeo que dificultase a circulación dos vehículos. Para poder realizar estes traballos o Concello de Ames contou cunha subvención de 76.454,46 euros da Consellaría de Traballo dentro das axudas para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación coas entidades locais. Os seis traballadores tiveron un contrato a xornada completa durante seis meses.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Concluye la limpieza de la red viaria de Ames"
El Correo Gallego: "Concluye la limpieza de la red viaria de Ames"
La Voz de Galicia: "La brigada de Ames realizó 30 actuaciones en 6 meses"
La Voz de Galicia: "La brigada de Ames realizó 30 actuaciones en 6 meses"