Pestanas principais

Relatos contra os estereotipos de xénero no espectáculo "Rosa Caramelo e outras historias" este venres no Milladoiro

Mércores, 06 de abril de 2016

[06-04-2016] A compañía Talía Teatro chega este venres á Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:30 horas, co espectáculo infantil "Rosa Caramelo e outras historias". O actor Artur Trillo contaralle ao público catro relatos protagonizados por animais que teñen como fío común a súa denuncia dos estereotipos de xénero, así como a súa vontade de desbotalos, a través de relatos tenros e con toques de humor. As entradas xa están á venda na Billeteira electrónica municipal. Tamén se poden mercar, unha hora antes de comezar o espectáculo, na Billeteira da Casa da Cultura do Milladoiro.

Rosa é a protagonista do primeiro dos contos; unha elefanta que, a pesar dos seus esforzos, non logra que a súa pel torne cor rosa coma a do resto dos elefantes. É no momento no que o pai e a nai de Rosa aceptan que a súa filla non mudará a súa cor de pel cando esta se converte nun símbolo de liberdade para as súas compañeiras, abríndolles ás portas da igualdade no xardín no que habitan.

As bonobos femia do segundo relato están fartas de ver como os bonobos macho son os que viaxan polo mundo, descubrindo cousas marabillosas, ao tempo que elas quedan na casa coidando da prole. O conflito estala ante a incapacidade dos bonobos macho de comprender o desexo das bonobo femia de evolucionar e aprender.

Na terceira historia os roles dunha familia de ratos mudan completamente cando unha catástrofe esnaquiza a súa casa, e é a señora rata quen os saca a todos do apuro. A derradeira narración conta a tristeza da tartaruga Clementina, que ve como Artur, a súa parella, a minusvalora e critica todo o que fai. Clementina non se sinte feliz e está farta da actitude de Artur, que só é capaz de facerlle agasallos cos que pensa que pode mitigar o enfado e a frustración de Clementina.

O acordeón de Fernando Fraga acompaña á voz de Artur Trillo ao longo destas catro historias. Este espectáculo, creado pola escritora Adela Turín e dirixido por Paula Carballo, foi deseñado para nenas e nenos de entre 4 e 8 anos. O prezo xeral da entrada é de 4 euros, e de 2 euros á reducida. Poden mercar entrada con desconto as persoas maiores de 65 anos, as persoas menores de 12 anos e a estudantes con carné. A venda na Billeteira electrónica municipal permanecerá aberta ata dúas horas antes do comezo do espectáculo.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Espectáculo infantil con Talía Teatro no Milladoiro"