Josinho da Teixeira, Sara Marchena e Lupe Blanco imparten cinco obradoiros de regueifa nos institutos do Milladoiro e Bertamiráns este luns e martes, 25 e 26 de marzo. Mediante estas sesións, duns 90 minutos de duración cada unha, preténdese transmitirlle á mocidade xeitos de improvisación oral tradicionais como a regueifa e, ao mesmo tempo, revitalizar o uso da lingua galega entre os mozos e mozas. Esta iniciativa encádrase dentro do proxecto Enreguéifate, promovido polos concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo, un proxecto que busca difundir a improvisación oral en verso e en galego.
Os alumnos de 1º da ESO do IES do Milladoiro participaron esta mañá nos obradoiros impartidos ao abeiro do proxecto Enreguéifate. Durante 90 minutos, as mozas e mozos compuxeron unha serie de versos seguindo a estrutura da regueifa, que consiste nunha disputa dialéctica na que a improvisación, a imaxinación e a rima son os protagonistas. Para rematar, cada un dos grupos cantou as súas regueifas diante dos compañeiros e compañeiras. Os encargados de impartir este taller foron o recoñecido regueifeiro Josinho da Teixeira e a regueifeira Sara Marchena, especializada no repente feminista e de perspectiva de xénero.
Mañá tocaralle a quenda ao alumnado do IES de Bertamiráns que, ao igual que o do Milladoiro, acabará regueifando seguindo as pautas ofrecidas polos monitores. A sesión de mañá será conducida por Josinho da Teixeira e pola pandereteira e regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco.
Mediante esta iniciativa preténdese incentivar o uso oral da lingua galega e outorgarlle á mocidade ferramentas discursivas a través da improvisación oral, ao tempo que se pon en valor a lingua e se proporcionan recursos musicais e soporte para o desenvolvemento da regueifa. Para isto achégase ao alumnado á estrutura tradicional da regueifa e inícianse nos mecanismos de canto, versificación e escollas léxicas.
Estes talleres non só buscan dotar de recursos de lecer en lingua galega, senón que tamén se lle amosa á mocidade a importancia de utilizar unha linguaxe non sexista e non homófoba. Neste senso, búscase que os mozos e mozas sexan quen de detectar o machismo nas coplas tradicionais, co obxectivo de propiciar un diálogo entre tradición e modernidade que leve a un cambio discursivo e de actitude.
Durante os obradoiros a rapazada traballa e pon en práctica conceptos como son a rima, a métrica, a estrofa, a melodía... Ademais, achéganse e revitalizan a tradición galega de improvisación oral e trabállanse valores como a igualdade de xénero, o respecto pola diversidade ou a cooperación. O diálogo nestas sesións é constante e, para favorecer a liberdade discursiva, faise fincapé na motivación e no reforzo positivo co obxectivo de que o alumnado non dubide en expresarse en público, nun ambiente de confianza e horizontalidade.
A regueifa convértese así nunha actividade idónea para o fomento da capacidade de articulación dun discurso improvisado e a ampliación das aptitudes retóricas. No tocante á mocidade, eríxese como unha potente ferramenta para o desenvolvemento da autoconsciencia, da seguridade propia e da autoestima nunha etapa de conformación da identidade.
Esta iniciativa realizase ao abeiro do proxecto Enreguéifate, co que se procura que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega. Este ano, o proxecto está impulsado polos Servizos de Normalización Lingüística dos Concellos de Ames, Santiago de Compostela e Teo. A súa presentación realizarase, previsiblemente, nas primeiras semanas de abril.









