Pestanas principais

Redrum Producciones representa a comedia musical Moito Conto na Casa da Cultura do Milladoiro

Mércores, 30 de maio de 2012

[30-05-2012] Volve o teatro infantil ao Concello de Ames. Este venres, 1 de xuño ás 18:30 horas, a compañía Redrum Producciones representa a obra Moito Conto na Casa da Cultura do Milladoiro. Dirixida ao público familiar, a comedia musical Moito Conto está protagonizada por Mónica García, Guillermo Carbajo e Tamara Canosa, e baséase no conto Hansel e Gretel. Xa se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviar un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné.

O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 1 de xuño, a representación de Moito Conto, a última proposta escénica para público familiar de Redrum Producciones, na que o cineasta lalinense Álex Sampayo dirixe un texto propio escrito en colaboración con Guillermo Carbajo e Tamara Canosa a partir do popular Hansel e Gretel dos irmáns Grimm. Esta comedia musical está recomendada para nenos/as maiores de 6 anos.

As entradas poderán mercarse media hora antes do comezo da función na Casa da Cultura do Milladoiro. O prezo das entradas é de 4 euros. Terán un 50% de desconto os menores de 12 anos, os maiores de 65 e os estudantes con carné. Tamén se poden reservar as entradas, para iso hai que chamar ao número de teléfono 981 535 940 ou enviando un correo electrónico á dirección cultura.milladoiro@concellodeames.org. As entradas reservadas terán que ser recollidas o día da función entre as 17:30 h e as 18:00 horas. As entradas que son se recollan nese horario serán vendidas a partir das 18:00 horas.

A compañía compostelá persegue a través do seu espectáculo a concienciación ambiental. O método empregado é a reformulación de contos tradicionais coñecidos por todos, co obxectivo de estimular a creatividade dos máis pequenos e chegar aos recordos dos maiores, convidándoos a ser nenos de novo, conxugar diferentes mensaxes e romper os prexuízos preconcibidos. Ao tempo, contribúen á idea central da montaxe os textos das cancións e a utilización escenográfica de materiais reciclados.

A interpretación corre a cargo de Mónica García, no papel da malvada madrasta e da manipuladora froiteira; Guillermo Carbajo como Pepiño, un Peter Pan diferente, obsesionado por crecer e converterse nun adulto; e Tamara Canosa como Manola, a irmá de Pepiño, unha rapaza inqueda e impulsiva. Para a posta en escena desta peza, a propia compañía fíxose cargo do deseño da escenografía, Manuel Riveiro asumiu o espazo sonoro e Carlos Álvarez-Ossorio, a iluminación.

Sinopse da obra

Tomando como pretexto o famoso conto dos irmáns Grimm Hansel e Gretel, a peza amosa as aventuras de Pepiño e Manola, dous rapaces que, enganados pola súa madrasta, acabarán perdidos no bosque e vivirán unha aventura que os cambiará para sempre: os nenos terán nas súas mans o destino dos contos e dos soños e terán que salvalo convertendo o que consideraban defectos en virtudes.

Como ensinanza desta historia afloran valores tales como a autoestima e a aceptación da nosa identidade, as relacións de complicidade fraternal, a importancia de aprender a escoitar e a pensar antes de actuar ou o valor do traballo en equipo.

Espectáculo 100% ecolóxico

Moito Conto posúe unha filosofía medio ambiental que, presente en todo o proceso de produción, levou á compañía a cualificar o espectáculo como "100% ecolóxico". O principal obxectivo é educar e sensibilizar sobre a importancia da reciclaxe e da reutilización, a separación do lixo, o respecto ao ambiente, o uso responsable da auga e da enerxía e a adopción de estilos de vida saudables e pautas de comportamento respectuosos co contorno natural.

Esta mensaxe ecolóxica non só está implícita no texto e nas cancións da obra, senón que tamén é visible na escenografía e no atrezzo, construídos con materiais completamente reciclados ou reciclables, así como no uso de iluminación LED para conseguir un maior aforro enerxético e reducir o impacto ambiental. Con esta fórmula, a compañía compostelá pretende iniciar un novo camiño na concepción das postas en escena, a través dunha alternativa pioneira, viable, ecolóxica, eficiente e estética.

Redrum Producciones é unha compañía creada en 2009 por mozos e mozas procedentes de diversos campos do sector audiovisual, que naceu coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega. Entre as súas máximas destaca a posta en escena de espectáculos dirixidos directamente ao público, primando a claridade nas historias pero sen esquecer un coidado concepto artístico. A súa primeira montaxe foi A Pensión, con Álex Sampayo como director escénico debutante e protagonizada pola actriz Rosa Álvarez.