[04-03-2011] O servizo da rede municipal de comedores escolares, implantado nos CEIP A Maía e Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín e na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, organizaron os seus propios festivais de Entroido. Nos centros de Bertamiráns, CEIP A Maía e CEIP Agro do Muíño estiveron ata o este mércores confeccionando os seus disfraces. Co servizo municipal de comedores o Concello de Ames realiza por unha parte un servizo público ao facilitar a conciliación laboral dos pais e nais dos rapaces e rapazas podendo estes deixar aos seus fillos nos comedores nos programas Boas días cole e Tardes divertidas mentres eles traballan, e, doutra banda, un servizo de educación complementaria xa que parte do tempo destes programas adícase a educar aos cativos e cativas na importancia dunha dieta saudable e de manter valores cívicos e medio ambientais.
O servizo municipal dos comedores escolares que presta os servizos de comida e educación en alimentación sa e civismo, organizou tamén co fin de celebrar o Entroido un programa propio para que os cativos e cativas que están adscritos a estes servizos, ademais de nas horas de escola, puidesen pasalo ben e celebrar estas datas tamén no tempo libre despois de comer. Algúns dos nenos e nenas realizaron os seus disfraces coa axuda dos seus profesores e outros fixéronos asesorados polas monitoras e monitores do servizo da rede municipal de comedores escolares.
Nos centros de ensino de Bertamiráns, Agro do Muíño e A Maía, os rapaces dos comedores estiveron a realizar esta semana os seus propios disfraces no tempo destinado á educación en valores saudables e ambientais. Así, dado que a temática escollida polas monitoras deste servizo municipal para o programa de educación ambiental e cívica neste ano foi o bosque (2011 é o ano mundial do bosque), os rapaces e rapazas estiveron a ocupar as horas despois de comer na elaboración de distintos disfraces relacionados con esta temática, polo que cada grupo de idade vestiu a tarde do xoves de distintos elementos que podemos atopar nun bosque: árbores, plantas, flores, abellas, etc.
Cada grupo de idade disfrazouse dun destes elementos e despois de comer, o tempo adicado polas monitoras á educación nunha dieta saudable, en valores medio ambientais e cívicos, destinárono a que os rapaces e rapazas se vestisen cos seus traxes elaborados por eles mesmos e gozasen dunhas horas de diversión e compromiso co medio ambiente ao tempo que celebraban estas datas de carnaval.
Dado que hai dúas quendas de comidas, e que hai diversos grupos de idade -mesturalos nun único programa de celebración do Entroido sería caótico-, cada quenda de comidas tivo o seu particular festival. Así pois, o servizo de comedores municipal organizou os seus propios festivais de Entroido, xuntando educación en valores medio ambientais e divertimento dos nenos e nenas do concello.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Entroido en la red de comedores escolares de Ames"
La Voz de Galicia: "El mejor carnaval se aprende en el cole"




