Pestanas principais

A Rede Municipal de Comedores Escolares e as Escolas Infantís Municipais adhírense á conmemoración da Semana Mundial da Alerxia Alimentaria

Xoves, 11 de abril de 2013

[11-04-2013] A Semana Mundial da Alerxia Alimentaria convocada pola WAO (The World Allergy Organization) está desenvolvéndose con total normalidade tanto na Rede Municipal de Comedores Escolares como nas Escolas Infantís Municipais O Bosque, en Bertamiráns, e A Madalena, no Milladoiro. Este servizo, que está dirixido ao alumnado de infantil e primaria, ofrécese nos centros de ensino do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, EEI Milladoiro, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e nos comedores das escolas infantís municipais. Durante o curso 2012-2013, son máis de 1.000 nenos e nenas os que fan uso deste servizo que está xestionado directamente polo Concello de Ames.

O Concello de Ames dispón dunha técnica en nutrición e dietética que, en colaboración coa coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares, é a encargada da elaboración dos menús que se serven nos comedores municipais. A elaboración dos menús faise semanalmente de xeito que non se repiten e á vez empréganse ao máximo os produtos de tempada ofrecidos puntualmente polo proxecto Lentura deste Concello. Ademais, esta técnica encárgase de atender os casos de tratamentos alimentarios especiais.

Na Rede Municipal de Comedores Escolares adáptase semanalmente o menú basal aos 117 tratamentos específicos de apoio nutricional por alerxias, intolerancias e outras enfermidades existentes. Durante o curso 2012-2013, hai un total de 1.031 escolares que son usuarios fixos da rede de comedores escolares. Dende este servizo préstase unha especial atención aos 11 casos de alerxia a alimentos con risco de shock anafiláctico. Esta atención está perfectamente integrada no protocolo de traballo da Rede Municipal de Comedores, tanto a nivel do deseño dos menús adaptados e da súa elaboración nas cociñas municipais, como a nivel de atención específica que estes nenos requiren por parte dos monitores e monitoras do servizo.

María Dolores Mouriz, veciña de Ames e vogal da Asociación Española de Alérgicos a Alimentos y Látex AEPNAA, destacou que "a seguridade e calidade do servizo ofertado pola Rede Municipal de Comedores Escolares de Ames, xunto con moitos outros comedores escolares de Galicia e do Estado, son a mellor proba de que cociñar para un alérxico si é posible, sempre que se poñan en marcha os protocolos de prevención necesarios. Durante esta semana, para nós a mellor celebración é a normalización da integración dos alérxicos nestes comedores escolares. E por iso queremos dende AEPNAA dar as gracias a todos os implicados que o fan posible".

Con este servizo realízase por unha parte un servizo público, facilitando aos cidadáns a conciliación da vida laboral e familiar e por outra, un proxecto educativo no que o obxectivo é que o alumnado aprenda hábitos alimenticios sans e un correcto comportamento na mesa, así como as normas básicas de hixiene, respecto, tolerancia, convivencia e educación en igualdade.